Unha eclipse total de lúa marca o inicio do outono
O fenómeno astronómico mais relevante do Outono– que comeza o vindeiro día 23– será a eclipse total de lúa na noite do 27 ao 28 de setembro. Ás 2.12 horas producirase o primeiro contacto do satélite co cono de penumbra, pero será as 3.07 horas cando se inicie a eclipse parcial. A lúa permanecerá eclipsada totalmente desde as 4.11 ata as 5.23 horas, e a partir dese momento volverá a estalo parcialmente unha hora máis, rematando completamente a eclipse ás 7.22 horas. “Ben é sabido que aínda que na fase total a lúa non chega a desaparecer de todo, amosará tonalidades vermellas ou castañas debido aos raios de luz solar que a atmosfera desvía cara a ela”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, en relación a un fenómeno popularmente coñecido como ‘lúa vermella’. Outono A nova estación comezará ás 10.21 horas do 23 de setembro, cando o sol chega ao punto Libra da eclíptica ou Equinoccio de setembro, e prolongarase ata as 5.08 do 22 de decembro, data do Solsticio de inverno para o noso hemisferio. Do outono son típicas varias choivas de estrelas: as Dracónidas, con máximo o 8 de outubro; as Leónidas (17 de novembro); e as Xemínidas (13 de decembro). Por outra banda, o planeta Saturno pode aínda observarse logo do solpor cara ao suroeste ata mediados de novembro. Venus, Marte e Xúpiter serán luceiros matutinos, en tanto que Mercurio será visible na mañanciña a mediados de outubro. Informe meteorolóxico O verán que agora finaliza adiantouse dabondo este ano, con moi baixa pluviometría xa nos finais da primavera. Segundo datos recompilados polo Observatorio da USC, o estío, sobre todo na contorna de Compostela, iniciouse moi seco ata mediados de agosto. Na segunda quincena dese mes tiveron lugar xornadas moi chuviosas como a do 26 con 41,7 litros/m2 e especialmente o día 27 con 52,9 l/m2. En setembro as choivas iniciáronse o día 8 alcanzando o seu cénit o 15, coa cicloxénese explosiva (40,6 litros/m2 e refachos de vento de 55 Kms/h no Campus Vida da USC). En total chegáronse a recoller 231,6 litros/m2 en verán: ningún en xuño, 6 en xullo, 146,2 en agosto e 79,4 no que vai de setembro. Á vista dos datos, “semella –opina Docobo– que o Outono comezará con moito mellor tempo”. A temperatura máxima acadada na estación meteorolóxica do Observatorio ao longo do verán foi de 35.4 graos o día 29 de xuño, sobrepasándose tamén os 30 en dúas xornadas de xullo e só unha en agosto.