Ir o contido principal

A ecoeficiencia no ciclo da auga, evento final do Proxecto LIFE+ AQUAENVEC

Gráfico do ciclo da auga urbana
Gráfico do ciclo da auga urbana
Con Betanzos e Calafell como casos de referencia, trátase de dotar aos concellos dunha ferramenta que lles permita optimizar o ciclo da auga na procura da sustentabilidade

O proxecto LIFE+ AQUAENVEC no que participa a Universidade de Santiago presenta este xoves 28 a partir das 9.30 horas no Centro de Estudos Avanzados os seus principais resultados. AQUAENVEC estudou a eco eficiencia do ciclo urbano da auga relacionando o impacto ambiental e o económico e xerou unha ferramenta de axuda á toma de decisións tanto para planificadores como para xestores destas actividades. A ferramenta resultante presentarase nunha sesión na que participan máis de 50 persoas relacionadas co sector da auga, dende especialistas da Administración, confederacións, empresas xestoras da potabilización e depuración ata centros tecnolóxicos e investigadores das tres universidades galegas. O proxecto coordínao a Fundación CETaqua do Grupo AGBAR (Barcelona) coa participación de 30 investigadores e técnicos da USC, as Autónomas de Barcelona e Valencia, Viaqua e Sorea. LIFE ‘Assessment and improvement of the urban water cycle eco-efficiency using LCA and LCC’ (AQUAENVEC) céntrase no estudo tecnolóxico, económico e ambiental do ciclo da auga urbana; en concreto das fases de captación, potabilización, redes de sumidoiro, tratamento e vertedura. O obxectivo final do proxecto, cun financiamento de millón e medio de euros, é dotar aos concellos dunha ferramenta multicriterio que lles permita optimizar o ciclo da auga na procura da sustentabilidade. Eco eficiencia do ciclo urbano O proxecto resultou nunha web de axuda á toma de decisións para mellorar a relación entre o impacto ambiental e o custe das actividades do ciclo urbano da auga. Calculáronse os principais impactos ambientais (cambio climático, eutrofización, destrución de capa de ozono e demanda enerxética) e os custes asociados a cada unha das etapas do ciclo de vida da auga. O conxunto destes indicadores permite determinar a ecoeficiencia segundo a metodoloxía ISO 14045. LIFE+ AQUANVEC desenvolveuse en diferentes cidades pequenas e medianas de Galicia e Cataluña, sendo Betanzos e Calafell os casos de estudo referentes. A selección destas cidades da rexión Mediterránea e Atlántica permitiu comparar zonas con diferenzas climáticas, de cantidade e calidade dos recursos hídricos e do uso da auga. O proxecto deu lugar á publicación de diversos artigos científicos en revistas incluidas no JCR como o Environmental Impact Assessment Review, Journal of Cleaner Production, Science of Total Environment e Water Research. Asemade, este proxecto transferiu coñecemento ao sector produtivo, de forma especial aos Concellos de Betanzos e Calafell, que obtiveron a certificación ISO 14045 para o seus ciclos urbanos da auga, sendo o primeiros certificados emitidos en España por AENOR para esta norma internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2015.