Ir o contido principal

Económicas acolle a vindeira semana cursos de marketing dixital gratuítos para titulados universitarios en busca de emprego

A Facultade de Económicas e Empresariais da USC acollerá do 22 ao 26 de setembro o desenvolvemento de diversos cursos presenciais sobre marketing dixital organizados de xeito gratuíto ao abeiro da plataforma Actívate, que vén de lanzar Google e á que se sumaron numerosas universidades españolas. O programa formativo deste curso, dirixido a titulados universitarios que busquen emprego e de matrícula gratuíta, é amplo e está orientado para que as persoas participantes nesta acción formativa adquiran coñecementos de marketing dixital que lles resulten proveitosos para unha busca activa de emprego ou á hora de crear o seu propio negocio. O curso, que está estruturado en 40 horas de formación presencial, que se desenvolverán de luns a venres en horario de 8.30 a 18.30 horas, inclúe contidos sobre fundamentos de tecnoloxía e mundo dixital, SEO, SEM, e-commerce, marketing en redes sociais e dispositivos móbiles, analítica web e emprendemento. As persoas responsables de impartir esta actividade formativa ensinarán tamén aos participantes interesados na creación dunha propia empresa as pautas e ferramentas básicas para facer un plan de negocio. As persoas que superen con éxito as distintas probas de avaliación obterán unha certificación en marketing dixital emitida polo IAB (Internet Advertising Bureau Spain).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2014.