Económicas, Educación Social e as catro especialidades de Mestre celebran este sábado os actos de fin de carreira
A licenciatura de Económicas, a diplomatura de Educación Social e as catro especialidades de Mestre que se imparten no Campus de Santiago celebran este sábado, día 10, os seus respectivos actos de fin de carreira.
O reitor Senén Barro e a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, presidirán o acto de Económicas, ás 18:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. A promoción 2003-08 desta carreira está apadriñada honorificamente polo Premio Nobel de Economía 1994, John Forbes Nash, que visitou a USC o pasado mes de novembro para participar no ciclo ConCiencia. Nash, que non pode acudir este sábado ao acto, quixo manifestar a súa satisfacción por ser elixido para esta honra.
Ao Colexio de Fonseca acudirán, ademais de preto dun cento de estudantes acompañados polos seus familiares e amigos, a decana da Facultade, Maite Cancelo; o presidente do Colexio de Economistas da Coruña, Roberto Pereira; e o profesor Fernando Miranda, quen falará en nome dos docentes do centro.
MestresOs titulados nas catro especialidades de Mestres que se imparten no Campus de Santiago (Educación Infantil, Primaria, Musical e Lingua Estranxeira) celebrarán o seu acto de diplomatura ás 17:30 horas no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. A promoción apadríñaa o escritor e pedagogo galego Agustín Fernández Paz.
Educación SocialTamén os diplomados en Educación Social celebrarán o seu acto de fin de carreira este sábado ás 17:30 horas, pero xa no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). Neste caso, os futuros educadores sociais están apadriñados polos profesores da USC Carmen Morán, Antonio Vara e Felicidada Barreiro.