ECOS, fotoxornalismo a prol da inclusión e da visibilidade

A fotoxornalista madrileña Eva Garrido propón na exposición ‘Ecos’ unha viaxe da man da etnia uigur de China, as mulleres de India e os nenos e nenas de Etiopía “para non esquecer realidades que quedan polo camiño cando estes países alcanzan o protagonismo das conversas en Occidente”. Con esta mostra, que se pode visitar ata o 30 de xuño, o proxecto campUSCulturae pretende chamar a atención sobre os pobos esquecidos e contribuír á súa inclusión e visibilidade. A sida, aulas de ensino, rostros de mulleres, mercados, rúas con vida... imaxes todas elas que converten o Claustro do Colexio de Fonseca “no corazón do mundo”, como dixo Xosé Antonio Neira no acto de inauguración. Instantáneas de realidades descoñecidas coas que a autora quere apelar á concienciación non só das persoas senón tamén dos medios de comunicación, “que son instrumentos útiles para mostrar que outros mundos existen e que só dende a diversidade nos podemos entender”, manifestou a xornalista.