Ir o contido principal

A edición 2014 do Verán CampUSC ofrece 350 prazas para nenos e nenas de 3 a 13 anos

De esquerda a dereita: Óscar Hermida e Francisco Durán (Foto: Servimav-USC)
De esquerda a dereita: Óscar Hermida e Francisco Durán (Foto: Servimav-USC)

A Universidade de Santiago de Compostela convoca un ano máis unha nova edición do Verán CampUSC para nenos e nenas de entre 3 e 13 anos que desexen realizar actividades deportivas, culturais e de lecer durante as vacacións escolares. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida, presentaron este luns 21 a convocatoria deste ano, na que se ofrecen 350 prazas, 70 en cada quenda de 15 días, que ademais de favorecer o entretemento saudable dos menores axudarán a conciliar a vida familiar e laboral das familias participantes. Francisco Durán salientou o traballo dos monitores iniciando aos rapaces en prácticas deportivas e culturais e explicou que, a pesar da situación económica, este ano mantéñense os prezos e ampliáronse os descontos. A programación, que explicou Óscar Hermida, comprende múltiples actividades tanto ao aire libre como en instalacións deportivas en horario de 8.45 a 14.30 de luns a venres, organizadas en quendas de 15 días durante a ultima semana de xuño, o mes de xullo e a primeira semana de setembro, cubrindo deste xeito as vacacións escolares dos cativos e cativas. Todas as actividades están organizadas atendendo ás idades dos participantes e seguindo criterios psicopedagóxicos. Algunhas das actividades deportivas que se desenvolverán son piscina, deportes de raqueta, colectivos, exercicios de psicomotricidade, orientación e xogos populares, entre outros. Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros como modelaxe, pintura, recortable, papiroflexia, cancións, xogos cooperativos e visitas culturais. A iniciativa está aberta ao público en xeral e contempla condicións especiais para os traballadores do cadro de persoal e estudantado da USC, así como para os participantes en congresos e cursos de verán. O prazo de preinscrición comeza este luns 21 e abarca ata o 11 de maio. As persoas interesadas deben cubrir o formulario da web www.fundacionuscdeportiva.org. O 13 de maio publicarase a listaxe de admitidos que deberán formalizar a súa matrícula ata o 25 do mesmo mes efectuando o pagamento. Verán CampUSC é unha iniciativa organizada pola Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC e coa que colabora o Servizo de Deportes da USC, a Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e a Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2014.