Ir o contido principal

A edición 2020 do Verán CampUSC fomentou xa hábitos de hixiene contra a COVID-19 entre máis de 250 nenos e nenas

O Verán CampUSC leva celebrado xa tres quendas e aínda alberga prazas libres. FOTO: Santi Alvite
O Verán CampUSC leva celebrado xa tres quendas e aínda alberga prazas libres. FOTO: Santi Alvite
A cuarta quenda desta iniciativa para a que aínda quedan prazas libres desenvolverase entre o 27 e o 31 de xullo
Santiago de Compostela

Crear hábitos de hixiene relativos á COVID-19 entre os máis pequenos é un dos obxectivos do Verán CampUSC 2020, polo que xa levan pasado 259 nenos e nenas nunha edición suxeita a estritas medidas de seguridade por mor da situación sanitaria. “Convocamos esta edición do Verán CampUSC con moita incerteza, tanto polo pouco tempo de antelación co que puidemos abrir a inscrición como pola situación sanitaria que estamos a vivir e a verdade é que estamos moi contentos con como está saíndo todo”, explican dende a organización do Verán CampUSC.

“É unha edición moi diferente ás anteriores, con grupos moi reducidos, actividades con moi pouco contacto e obradoiros sobre hixiene relacionada coa COVID-19, pero os rapaces e rapazas están pasándoo moi ben. De feito, a maior parte das inscricións que chegan a última hora son de nenos e nenas que queren continuar algunha quenda máis das que tiñan previsto inicialmente”, continúa Rocío Bulnes.

As bases da edición deste ano conteñen un plan de adecuación que contempla, entre outras medidas, o subministro de xabón e xel sanitizante aos participantes, así como que os rapaces e rapazas maiores de 6 anos leven a súa propia máscara facial. A programación do Verán CampUSC 2020 contempla un amplo abano de actividades deportivas e de ocio e tempo libre planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. “É importante destacar que todas as sesións do Verán CampUSC teñen como obxectivo ofertar unha ampla variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, poidan practicar deporte de forma autónoma, duradeira e pracenteira”, explican dende a organización.

“Este é un programa moi importante para a Universidade porque, por unha banda, axudamos á conciliación familiar e, pola outra, desenvolve unha función lúdico-educativa moi importante neste tramo de idade”, explicaba este xoves a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, na súa visita ao Verán CampUSC. No acto tamén tomou parte a concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago de Compostela, Noa Díaz Varela.

Futuras quendas

O Verán CampUSC leva celebrado xa tres quendas e aínda alberga prazas libres para a cuarta e quinta quenda que se desenvolverán do 27 ao 31 de xullo, e do 1 ao 9 de setembro, respectivamente. O prazo de inscrición para a cuarta quenda péchase o vindeiro día 23 e pode formalizarse a través desta ligazón.

Medidas de precaución

O Verán CampUSC 2020 está dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos. Priorizaranse, sempre que sexa posible, as actividades ao aire libre. De non ser posible, cada grupo contará cunha sala ou instalación propia. En todo caso, os espazos pechados que se utilicen serán amplos e estarán ben ventilados. Este campus de verán está estruturado en cinco quendas dotadas con 120 prazas cada unha. O programa desenvólvese de luns a venres, agás festivos, de 08.45 a 14.45 horas, polo que a responsabilidade do control e coidado dos participantes polos monitores e monitoras responsables comprenderá esa franxa horaria. Ao alumnado, asígnaselle un monitor ou monitora responsable por grupo que vela polo respecto das medidas de distanciamento interpersoal e evitará aglomeracións. Aqueles participantes ou as súas familias que incumpran as normas establecidas relativas ás medidas de protección ante a COVID-19, serán expulsados da actividade.

A vicerreitora Mar Lorenzo e a concelleira Noa Díaz visitaron o campus este xoves. FOTO: Santi Alvite
A vicerreitora Mar Lorenzo e a concelleira Noa Díaz visitaron o campus este xoves. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2020.