Ir o contido principal

Segunda edición do curso en liña para innovar en marketing rural

O proxecto Granxafamiliar.com e o grupo Gist.Idega da USC organizan unha nova edición do seu curso en liña ‘ Innovación e marketing rural’. A experiencia levada a cabo durante os últimos sete anos por www.granxafamiliar.com pon en evidencia a necesidade de cualificar recursos humanos en marketing territorial, emprendemento, xestión de recursos dixitais e de redes sociais, agricultura ecolóxica, turismo creativo ou desintermediación comercial, orientados especificamente cara o medio rural. “Hoxe xa non chega con saber producir senón que hai que saber vender os produtos do rural”, manifesta o director do curso, o profesor Carlos Ferrás. De aí que sexan os mesmos produtores quen, “carentes dun nivel de coñecemento axeitado ás necesidades dun mundo dixital”, solicitan esta formación. No curso, de 60 horas de duración do 20 de xaneiro ata o 20 de febreiro, analizaranse metodoloxías, aplicacións TIC e experiencias de emprendemento para a innovación e desenvolvemento do medio rural e da agricultura familiar, co obxecto de que o alumnado poida desenvolver os seus propios proxectos aplicados. Ademais, familiarizaranse co funcionamento e posibilidades dos sistemas online de xestión de información a través das plataformas www.granxafamiliar.com e www.galiciaautentica.org. A inscrición debe facerse on line.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.01.2014.