Ir o contido principal

Segunda edición do curso monográfico de Tai Chi e Chi Kung

Segunda edición do curso monográfico de Tai Chi e Chi Kung
Segunda edición do curso monográfico de Tai Chi e Chi Kung

Logo do éxito da primeira edición, a Fundación USC Deportiva organiza o sábado 18 un novo curso monográfico de Tai Chi e Chi Kung que impartirá Amancio Rial.

A desenvolver na Residencia Universitaria Monte da Condesa cunha duración de 6 horas, o curso ten un custo de 40 euros (45,70€ coa comida incluída). O número máximo de prazas son 12, polo que se recomenda reservala canto antes.

Os contidos estruturaranse en tres bloques. No de Chi Kung ensinaranse técnicas de automasaxe, de estimulación de puntos de acupuntura, de respiración e de control mental, mentres que no de Tai Chi se coñecerá o movemento circular continuo, as formas ‘Tao Lu’ básicas ou a circulacion da enerxía ou Chi a través do corpo. Por último, aprenderase a meditación en pé ‘Zhan Zhuang’, a do movemento inducido ‘Zi Fa Kung’, a meditación tumbada taoísta ‘Wu Chi’ e a sentada budista ‘Chan ou Zen’.

O monitor
Amancio Rial Bouza (Vigo, 1966) leva máis de doce anos impartindo ensinanzas de Tai chi, Kung fu, técnicas de meditación e danza no Club Deportivo da Universidade de Santiago e na Fundación USC Deportiva.

Dende hai cinco anos dirixe as actividades de ioga-pilates, masaxe e acupuntura na empresa Dinahosting S.L., onde asesora aos traballadores en coidados da saúde. É membro fundador da Asociación Cultural Carauta para o estudo e práctica da meditación e o movemento e ten viaxado por Asia e traballado con varios Mestres no campo das artes marciais e das distintas técnicas de meditación e relaxación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2017.