O edificio Cactus do campus de Lugo acolle este venres unha xornada divulgativa do mundo 3D con obradoiros prácticos

O grupo USCAN3D da USC celebra este venres 12 de febreiro, a partir das 15.30 horas, na planta baixa do edificio Cactus do campus de Lugo, unha xornada divulgativa do mundo 3D, durante a que as persoas participantes poderán ver en funcionamento impresoras 3D e escáner 3D, ademais de diversos modelos xa elaborados.
A xornada é de carácter gratuíto e está aberta á participación de todo o público interesado nesta temática, aínda que terán preferencia as persoas que formalicen previamente a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico d3mobile [at] usc.es (d3mobile[at]usc[dot]es). Esta sesión informativa e divulgativa sobre o mundo 3D e as múltiples posibilidades que ofrece esta tecnoloxía antóllase como un foro aberto que inclúe, ademais dun obradoiro de carácter práctico, relatorios e debates guiados polos investigadores do grupo USCAN3D da USC e por persoal da empresa tecnolóxica BQ. A organización desta actividade específica encádrase no marco do ‘Curso práctico de modelado e impresión 3D con software gratuíto’, unha actividade formativa de carácter monográfico promovido polo grupo USCAN3D da USC en colaboración da firma BQ e que reúne 20 participantes desde este xoves ata o sábado 13 na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. O obxectivo do curso, dirixido a público interesado na aprendizaxe dos fundamentos básicos do modelado e a impresión 3D, é conseguir que as persoas asistentes adquiran técnicas e destrezas que lles permitan iniciarse no modelado e na impresión 3D a través da capacitación en ditas técnicas. De xeito parello, este programa busca fomentar o uso da tecnoloxía 3D nas aulas, incrementando a formación dos participantes naqueles ámbitos ligados á creación de contidos e competencia dixital docente.