Ir o contido principal

O edificio Emprendia acolle unha xornada de traballo sobre a internacionalización das empresas promovidas por RedEmprendia

Representantes do Instituto Tecnolóxico de Monterrey (México) e do Parque Científico de Madrid, que engloba ás universidades Complutense e Autónoma, reuniranse este venres 18 en Compostela nunha xornada de traballo sobre a internacionalización das empresas promovidas pola rede universitaria iberoamericana de incubación de empresas RedEmprendia.
A inauguración das xornadas celebrarase a partir das 9:30 horas na sala de formación do edificio Emprendia da USC nunha sesión na que participarán o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande, e o director técnica da Oficina da RedEmprendia na USC, Gustavo Marcos.
O obxectivo da xornada é facilitar a internacionalización das empresas tecnolóxicas promovidas pola REdEmprendia e coñecer de primeira man as capacidades que ofrece o Edificio Emprendia, como centro receptor temporal destas empresas contribuíndo á súa internacionalización e apertura a novos mercados.
O encontro permitirá ademais facer unha posta en común da metodoloxía de traballo empregada en materia de incubación de empresas de base tecnolóxica, onde Uninova posúe o certificado de calidade, en procesos de incubación, segundo a norma internacional UNE-EN ISO 9001:2008.
A Red Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas (RedEmprendia) foi creada no ano 2006 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universitat de Barcelona co apoio do Banco Santander. Ao proxecto fóronse sumando rapidamente outras universidades latinoamericanas e españolas ata chegar ás quince institucións de ensinanza superior actualmente implicadas. O seu principal obxectivo é impulsar a denominada “terceira misión” das universidades con especial énfase na creación de empresas de base tecnolóxica no espazo iberoamericano de coñecemento baseándose nun emprendemento responsable, sostible e no progreso social, medioambiental e económico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2009.