Editan as actas da VII Reunión de Escultura Romana en Hispania, dedicadas ao que fora profesor da USC Alberto Balil
Os profesores Fernando Acuña Castroviejo, Raquel Casal e Silvia González Soutelo coordinan a publicación das actas da VII Reunión de Escultura Romana en Hispania, dedicadas ao que fora profesor da USC Alberto Balil. Recentemente publicado, o volume recolle os relatorios e comunicacións presentadas na reunión celebrada nos campus de Santiago e Lugo en 2011. O encontro daba continuidade aos celebrados anteriormente en Mérida (1992), Tarragona (1995), Córdoba (1997), Lisboa (2000), Murcia (2005) e Segóbriga no 2008. A obra estrutúrase en grandes bloques nos que figuran achegas de temática xeral e coleccionismo, para continuar con traballos específicos correspondentes ás provincias romanas da Tarraconense, Bética e Lusitania. En total colaboran 32 investigadores procedentes de catro países procedentes de doce Universidades e centros de investigación. Publicada por Andavira Editora, a obra conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Como explican os seus editores, a publicación destas actas supoñen un paso máis dentro da consolidación destas reunións periódicas que actualizan os coñecementos dos expertos sobre a plástica romana en Hispania.