Ir o contido principal

A EDIUS lanza o primeiro número do seu boletín electrónico

A publicación de ‘nEDIUS’ forma parte dun conxunto de accións estratéxicas para a universidade. FOTO: Santi Alvite
A publicación de ‘nEDIUS’ forma parte dun conxunto de accións estratéxicas para a universidade. FOTO: Santi Alvite
A publicación pretende contribuír a que o alumnado reciba, dun xeito eficaz, directo e áxil, toda a información que precisa sobre actividades académicas e formativas, procedementos de xestión e outros asuntos de interese para os estudos de doutoramento na USC
Lugo, Santiago de Compostela

A Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS) acaba de lanzar o primeiro número do que será o seu boletín electrónico ‘nEDIUS’. A publicación pretende contribuír a que o alumnado reciba, dun xeito eficaz, directo e áxil, toda a información que precisa sobre actividades académicas e formativas, procedementos de xestión e outros asuntos de interese para os estudos de doutoramento na USC.

A publicación de ‘nEDIUS’ forma parte dun conxunto de accións estratéxicas para a universidade encamiñadas a fortalecer e visibilizar os estudos de doutoramento, nomeadamente nunha liña de actuación relativa á mellora da accesibilidade da información. “Estou certa de que esta nova ferramenta, que nace neste tempo especialmente complexo da COVID-19 que nos tocou vivir e que nos obriga, día a día, a demostrar a nosa extraordinaria capacidade de adaptación e de superación, servirá de oportuno complemento a outras canles de información institucional, como a páxina web, a aplicación móbil ou os perfís oficiais da USC en redes sociais, e dará resposta ás necesidades informativas particulares da comunidade universitaria no ámbito dos estudos de doutoramento”, explica María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional.

Pola súa parte, o director da EDIUS e responsable do boletín, Pablo Taboada, subliña que “con este boletín iniciamos unha nova forma de comunicación e difusión da información que se complementará progresivamente coa posta en marcha de novas accións como a presencia da EDIUS en redes sociais profesionais como LinkedIn, ou coa creación dunha canle en YouTube”.

‘nEDIUS’ nace con un carácter mensual para estar ao día de toda a información relativa aos estudos de doutoramento e os seus membros, tales como novas relacionadas cos aspectos académicos e administrativos, a oferta de actividades formativas, reunións, encontros e congresos, convocatorias de bolsas, ou entrevistas con profesores e investigadoras relevantes.

Portada de 'nEDIUS'
Portada de 'nEDIUS'
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2020.