Ir o contido principal

Educando na sustentabilidade dende a infancia

O estudo establece que as grandes variacións nas puntuacións ambientais están asociadas á composición dos menús. FOTO: Santi Alvite
O estudo establece que as grandes variacións nas puntuacións ambientais están asociadas á composición dos menús. FOTO: Santi Alvite
Un artigo publicado en ‘Science of The Total Environment’ analiza os menús da Escola Infantil Breogán da USC e constata que a dieta atlántica que se segue neste centro conforma “unha excelente oportunidade para promover hábitos alimentarios saudables nos nenos e nenas, así como nas súas familias”
Santiago de Compostela

A análise realizada por científicos da USC dos menús que se seguen na Escola Infantil Breogán permitiu constatar a súa baixa pegada hídrica e de carbono, feito que se explica en base a que a Escola leva anos seguindo os principios da Dieta Atlántica. “Levamos anos seguindo esta dieta porque cremos que o xeito no que te alimentas de pequeno, inflúe en que sexas un adulto sustentable”, explica a directora da Escola, Luz González Vázquez. O artigo titulado ‘Environmental assessment of menus for toddlers serviced at nursery canteen following the Atlantic diet recommendations’ acaba de ver a luz na revista Science of The Total Environment e está asinado polos investigadores da USC Sara González García, Xavier Esteve Llorens, Luz González, Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira e Rosaura Leis, xunto con Rebeca González García do SERGAS

Os menús da Escola Infantil Breogán da USC son deseñados polo grupo de Nutrición Pediátrica da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), coordinado pola profesora  Rosaura Leis, seguindo as recomendacións das Sociedades Científicas e os patróns alimentarios da Dieta Tradicional Atlántica, saudable e  biactiva. “O presente traballo pon en evidencia a sustentabilidade destes menús e identifica aqueles que poden supoñer unha maior pegada hídrica e de carbono, proporcionando información que nos permita mellorar aínda máis a súa sustentabilidade”, explica a profesora Leis. Para iso, o estudo conclúe que reducindo a achega de carne de tenreira e modificando algunhas merendas nas que se consomen derivados lácteos, as pegadas hídricas e de carbono veríanse aínda máis diminuídas. A Dieta Atlántica tradicional é unha dieta con baixa pegada de carbono e hídrica. A Escola Infantil Breogán da USC é ademais un lugar de educación nutricional, tentando formar en estilos de vida saudables tanto ao neno como ás súas familias.

“A alimentación nos primeiros 1000 días de vida, que engloba dende o período  fetal ata o segundo ano de vida, é unha xanela de oportunidade para a programación  metabólica”, explica a profesora da USC e responsable do deseño dos menús da Escola. “Como se alimenta o neno neste tempo vai deixar un sinal, que condicionará se vai enfermar a curto, medio e longo prazo. Por outra banda, a adquisición duns hábitos alimentarios saudables dende os primeiros anos de vida vai determinar a forma de alimentarse en idades posteriores e a súa saúde”, apunta.

Como reducir os impactos

A dieta seguida na Escola Infantil Breogán conforma “unha excelente oportunidade para promover hábitos alimentarios saudables nos nenos e nenas, así como nas súas familias”, conclúen os autores no artigo. O estudo establece que as grandes variacións nas puntuacións ambientais están asociadas á composición dos menús. Neste senso, os alimentos de orixe animal son os responsables das maiores demandas de auga e emisión de gases de efecto invernadoiro. “Os menús que incorporan carne de vacún están asociados cos maiores impactos mentres que a introdución de cambios nos menús máis daniños permite melloras ambientais excepcionais”, sinalan. Asemade, constatan que os menús ricos en alimentos de orixe animal poden acadar puntuacións baixas ao combinarse adecuadamente.

A estratexia máis importante para reducir os impactos ambientais basearíase, segundo os autores, en reducir a frecuencia de consumo de carne de vacún, de maneira que o polo e o porco (carne magra) se consuman alternativamente. Esta redución non debería por tanto comprometer a inxesta de proteínas necesaria para os nenos. Tamén se debe de prestar atención ás merendas, sendo estas ricas en carnes frías como xamón ou pavo, e produtos lácteos. Tendo en conta estas cuestións, poderíanse lograr reducións significativas nos indicadores obxecto de estudo.

A estratexia máis importante para reducir os impactos ambientais basearíase, segundo os autores, en reducir a frecuencia de consumo de carne de vacún. FOTO: Santi Alvite
A estratexia máis importante para reducir os impactos ambientais basearíase, segundo os autores, en reducir a frecuencia de consumo de carne de vacún. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2021.