Os efectos do turismo nunha economía rexional e a figura de Rof Codina, recoñecidos cos premios do Idega da USC
Precedida por unha conferencia do profesor de Economía Aplicada da USC Francisco Sineiro sobre o futuro do mundo rural, o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC entregou este mércores os seus Premios Valentín Paz Andrade e Jesús García Calvo que convoca en colaboración co Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia) e con Feiraco, respectivamente.
O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu o acto, que presidiu o reitor Juan Viaño, e no que tamén participaron a presidenta do CES, Corina Porro, o presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez, e o director do Idega, Xaquín Fernández Leiceaga.
Jesús García Calvo
O primeiro en recoller o premio foi Diego Conde Gómez, gañador do Jesus García Calvo en investigación en desenvolvemento rural e cooperación. Este investigador fíxose co galardón na modalidade de textos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas polo traballo ‘ Renovación na veterinaria e gandería galega contemporánea’ que evidencia aspectos ata agora ocultos da figura de Rof Codina (1874‐1967), esencial para a veterinaria española do século XX.
Do estudo, publicado en 2015 en Edicións Xerais de Galicia, destaca a singular combinación da metodoloxía histórica (Conde é colaborador do grupo de investigación Histagra da USC) e a formación como veterinario do autor. Así mesmo, serve para comprender o pulo modernizador que a agricultura e o medio rural de Galicia experimentaron no primeiro terzo do século XX.
A Conde seguíronlle Álvaro García Corral, que recolleu o premio pola súa orixinal tese ‘ Análisis y tipificación de explotaciones de bovino de carne en Galicia mediante un método de control basado en lógica difusa’ que, entre outros méritos, utiliza unha fonte de datos de carácter administrativo ata o momento de escaso uso en investigacións; e Diego Fernando Avendaño co traballo ‘Programas agroambientales e impacto territorial en la provincia de Lugo‐Galicia’ que avalía eses instrumentos de política agraria usando información orixinal procedente das explotacións sometidas a un Contrato de Explotación Sustentable.
Paz Andrade
A continuación, André Carrascal Incera e Melchor Fernández Fernández recolleron o seu premio Valentín Paz Andrade en investigación en economía de Galicia polo traballo ‘Tourism and income distribution: Evidence from a developed regional economy’ publicado en Tourism Management (2015), no que abordan dende unha metodoloxía económica os efectos do turismo e, en concreto, a incidencia sobre as desigualdades internas nunha economía rexional.
André Carrascal e Melchor Fernández conclúen no estudo que o se ben o turismo ten importantes efectos positivos sobre o conxunto da sociedade galega polo incremento do nivel de benestar, estes “ son máis relevantes para os grupos con maiores niveis de renda –propietarios do capital e traballo cualificado-, contribuíndo ao incremento da desigualdade”. Como explicación a este efecto, os investigadores apuntan que o resultado obedece “a que a canle de transmisión do ingreso do turismo vía o factor capital domina o ingreso vía o factor traballo, e o sistema impositivo actual e a política de redistribución non permite corrixir o impacto directo da canle de ingresos”.