A eficacia da cooperación española ao desenvolvemento analizarase en Matemáticas
Os factores que facilitan ou dificultan a eficacia da axuda nos distintos niveis da administración así como na cooperación multilateral e non gobernamental analizaranse no curso ‘O debate sobre a eficacia da axuda e as súas implicacións para a cooperación española ao desenvolvemento’ que se impartirá dende o 21 ao 23 de xullo na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Cunha carga lectiva de 25 horas, diríxese a calquera persoa con responsabilidades en materia de cooperación ao desenvolvemento no ámbito da administración xeral do Estado, autonómica ou local, na universidade, nos partidos políticos e na sociedade civil. O seu obxectivo é contribuír a que os participantes se atopen nas mellores condicións para elevar a eficacia da axuda para o desenvolvemento dende aquelas institucións nas que prestan os seus servizos. O debate centrase en problemas como a multiplicidade de doantes e a fragmentación da axuda, a escasa concentración xeográfica e sectorial, o pouco apoio a determinados sectores produtivos, como a agricultura, ou a atención insuficiente á investigación e o coñecemento sobre o desenvolvemento. Tamén se discutirá sobre a insuficiencia das capacidades institucionais dos sistemas de cooperación e a eficacia dos distintos instrumentos e modalidades de axuda. Manuel de la Iglesia-Caruncho e Elena Vázquez Cendón dirixen este curso de verán que pretende dar resposta ao reto de mellorar a calidade da cooperación nun momento no que a cantidade da axuda española se dobrou, pasando dende os dous mil millóns de euros en 2004 aos máis de cinco mil millóns previstos para este ano 2010.
Toda a información sobre esta actividade, na que colaboran a Fundación Ideas e o Instituto Jaime Vera, atópase na web www.usc.es/cultura/uveran06_10.htm.