Eficacia, rapidez e racionalización do gasto, chaves na xestión do ‘Impacto da COVID-19 na USC’

O informe titulado ‘Impacto da COVID-19 na Universidade de Santiago de Compostela’ elaborado polos profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, María Bastida e Miguel A. Vázquez Taín, destaca a “alta capacidade de adaptación e flexibilidade por parte da institución” universitaria á hora de facer fronte á pandemia a través dunha estrutura de xestión cun “alto grao de descentralización”. Esta é unha das principais conclusións do documento presentado este venres nun acto presidido polo reitor Antonio López e que se desenvolveu na Facultade de Medicina e Odontoloxía. Ademais do reitor e dos autores do informe, interviñeron no acto o xerente Javier Ferreira e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. O informe salienta tamén “a transparencia” e a rapidez á hora de formalizar as decisións por parte da Universidade.
Así, na súa adaptación á docencia non presencial, a USC desenvolveu tres liñas de actuación. En concreto, concedéronse 140 axudas para a manutención do alumnado nas cafeterías e comedores da USC, 50 no marco do programa de préstamo de material informático e conexión á rede, e 236 axudas para facilitar a docencia non presencial.
“Outra característica distintiva da actuación da USC no marco da crise sanitaria é a dotación dunha estrutura de consulta e coidado para a saúde mental”, apunta o documento en relación co nacemento da Unidade de Atención Psicolóxica. No lado oposto, o documento pon o foco na investigación como “a parte máis afectada” debido á “paralización inevitable que provocou un retardo considerable no desenvolvemento”.
Cómpre tamén facer referencia a dúas oficinas creadas de xeito específico para a xestión da pandemia. A primeira, a Oficina Virtual de Atención, púxose en marcha pouco despois da declaración do primeiro estado de alarma e estaba organizada de xeito especializado en catro ámbitos: alumnado, persoal, investigación e asuntos xerais. Atendeu con éxito durante o primeiro confinamento a toda a comunidade universitaria e ao público que precisaba relacionarse coa Universidade, poñendo á súa disposición tres canles (correo electrónico, teléfono e whatsapp) que “permitiron unha comunicación áxil e a resolución fluída das incidencias que se ían producindo”, explica o informe. A segunda, a Oficina de Xestión COVID-19, iniciou o seu traballo co comezo do curso 2020-2021 e está dirixida fundamentalmente á atención de incidencias derivadas da enfermidade por coronavirus e á xestión e distribución do material hixiénico-sanitario que precisan os diferentes centros da USC. Esta oficina recibiu máis de 8.500 chamadas, e atendeu a tramitación de preto de 10.000 incidencias dende a súa creación.
No marco das tarefas de comunicación, enviáronse máis de 13.000 correos informativos, basicamente a través de listas institucionais (PDI, PAS e estudantado). As mensaxes combináronse dende a conta oficial do Reitor ou distintas entidades de xestión (vicerreitorados ou decanatos). Tamén se enviaron telefonicamente mensaxes instantáneos para os cribados, preto de 2.500.
Ingresos
O informe aborda os ingresos da institución e evidencia como “malia manterse a actividade docente en modalidade non presencial, detéctase unha clara diminución do número de créditos matriculados coa conseguinte caída de ingresos derivados da matrícula”. En concreto, esta diminución dos ingresos por prezos públicos por ingresos académicos ascendeu a “4,1 millóns de euros, cando viñan mantendo unha tendencia estable e incluso crecente nos últimos anos”. Os ingresos patrimoniais tamén se viron afectados negativamente pola paralización das actividades.
Á vista dos datos analizados, o informe conclúe que a realidade económica-financieira da USC non se veu afectada no seu resultado conxunto. “O efecto nocivo asociado á caída de ingresos foi contrarrestada cunha actuación con dúas características relevantes: a eficacia, reflectida na actuación do Goberno da Comunidade Autónoma e as súas liñas de achegas ordinarias e extraordinarias; e a eficiencia, protagonizada neste caso pola propia institución universitaria, asentada na rapidez de toma de decisións e racionalización de gastos. A coordinación entre ambos tomadores de decisións parece decisiva para esta actuación conxunta, que permitiu contrarrestar o efecto nocivo da situación descrita”, sinala do documento.
Metodoloxía
O documento é froito dunha revisión das principais distorsións e respostas relacionadas coa COVID-19 no ensino universitario, tanto a nivel internacional coma estatal. Tamén desenvolve unha análise pormenorizada das actuacións desenvolvidas pola USC; o estudo dos datos dispoñibles, nomeadamente a estrutura e liquidación orzamentaria da institución; e a estimación do impacto económico da Covid-19 no exercicio 2020 da USC.
