EKT crea unha metodoloxía educativa innovadora para o seguimento das prácticas na formación inicial do profesorado
O proxecto europeo ‘Educational Knowledge Transfer’ (EKT) enfronta a derradeira fase da súa execución co desenvolvemento da súa conferencia final este xoves 13, na Facultade de Ciencias da Educación da USC. O proxecto da acción estratéxica ‘alianza do coñecemento para a educación superior’, coordinado dende o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC (Tecnoeduc), conta coa participación dun total de once socios académicos e tecnolóxicos de seis países da Unión Europea.
O acto inaugural da xornada estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa participación das profesoras da USC Carmen Fernández Morante, Beatriz Cebreiro López e Lorena Casal Otero; o director do CESGA, Lois Orosa Nogueira; o profesor da Universidade de Sevilla, Alfonso Javier García González; e o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.
O consorcio asumiu como reto o desenvolvemento dunha nova metodoloxía educativa co apoio dunha plataforma intelixente centrada na colaboración e a reflexión, “ferramentas esenciais para a formación inicial do profesorado no período de prácticas escolares”, explican. Este sistema tecnolóxico intelixente incorpora diferentes ferramentas de software libre nunha mesma contorna formativa, facéndoas interoperables para facilitar o seguimento efectivo por parte das persoas mentoras ao longo de todo o proceso de prácticas escolares dos e das futuras docentes.
Esta ferramenta “permite facer un seguimento efectivo de todo o proceso de prácticas educativas a través dunha metodoloxía de aprendizaxe innovadora, onde a colaboración e a comunicación son unha constante entre todos os actores implicados no proceso, alumnado en prácticas, titores universitarios/as e de escola”, detalla a profesora de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante. O sistema EKT é unha conxunción dun campus virtual, ferramentas colaborativas na nube, comunicación síncrona e asíncrona, portafolios dixital ou xerador de contidos académicos multimedia, entre outras aplicacións propias de xestión das prácticas académicas curriculares. Pola súa potencialidade, o portafolios dixital EKT foi validado pola comunidade técnica que forma parte do consorcio para a súa incorporación na próxima versión da plataforma internacional LMS Chamilo, con máis de 31 millóns de persoas usuarias en todo o mundo.
EKT desenvolveu durante os tres anos de duración do proxecto metodoloxías colaborativas educativas baseadas en contornas dixitais intelixentes, involucrando a institucións de tres ámbitos: centros educativos (escolas e profesores), universidades (facultades e investigadores de Educación) e empresas e institucións tecnolóxicas (en concreto as que ofrecen servizos de e-learning) co obxectivo de fortalecer a capacidade de innovación europea, fomentar a innovación no ensino superior e a colaboración coas empresas e a contorna socioeconómica en xeral. Na parte tecnolóxica, liderada polo CESGA, traballouse no desenvolvemento dunha solución adecuada ás necesidades destas institucións cun modelo de formación, que integra tecnoloxías e ferramentas dixitais para a aprendizaxe e a colaboración moi diversas.
A conferencia final deste proxecto EKT, titulada ‘Tecnoloxías intelixentes para a innovación na formación do profesorado’, reuniu especialistas e responsables de formación do profesorado, así como empresas tecnolóxicas do sector, nun foro no que se presentaron os resultados do proxecto. Ademais, no marco da conferencia, entregáronse diplomas a aquelas persoas que participaron na experimentación EKT.
O consorcio coordinado pola USC confórmano ademais o Centro de Supercomputación de Galicia, como coordinador do equipo tecnolóxico; a Universidade de Minho; a Pädagogische Hochschule Wien; a University of Plymouth; o Marino Institute of Education; BeezNest Belgium; H2 Learning; Die Berater e Lusoinfo II Multimédia SA.