Ir o contido principal

Elias J. Feijó Torres, premio de Investigación da Cátedra do Camiño e as Peregrinacións

Portada do libro premiado
Portada do libro premiado
O decano da Facultade de Filoloxía recibe este recoñecemento polo seu libro 'Bem-estar comunitario e visitantes através do Caminho em Santiago. Grandes narrativas, ideias e práticas culturais na cidade'
Santiago de Compostela

O xurado do Premio de Investigación da Cátedra do Camiño e as Peregrinacións da USC anunciou este venres que o galardón correspondente á súa terceira edición recaeu no profesor da USC, Elias J. Feijó Torres. O actual decano da Facultade de Filoloxía recibe este recoñecemento polo seu libro Bem-estar comunitario e visitantes através do Caminho em Santiago. Grandes narrativas, ideias e práticas culturais na cidade.

A obra premiada constitúe un estudo do impacto do fenómeno do Camiño de Santiago na poboación da cidade de Compostela a nivel cultural, social e económico. Así, aborda o perfil do visitante á cidade, a súa motivación, consumo e gastos que realiza, alén das consecuencias para a poboación local, como pode ser o caso dos cambios na actividade comercial, perda de poboación do centro histórico e rápida perda de identidade de Compostela. A conclusión máis notoria deste estudo é o concepto de “camiñización” da identidade da cidade, un feito que se manifesta na nova oferta de establecementos comerciais e nos produtos en venda que se vinculan ao Camiño, o despoboamento do centro histórico abandonado pola poboación local debido á masificación de visitantes e a falta de servizos, así como falta de diversidade comercial.

Traxectoria

Licenciado en Filoloxía Hispánica, Feijó Torres doutorouse con Premio Extraordinario en 1996 cunha tese sobre as relacións literarias e culturais de Galicia e Portugal. É coordinador do grupo de investigación Galabra, investigador principal de varios proxectos de investigación e autor de artigos e monografías sobre literatura, cultura, narrativas e comunidades. Foi, asemade, vicerreitor de Cultura da USC entre os anos 2006 e 2009, así como presidente da Associação Internacional de Lusitanistas (2008-2014) e director nese período da  revista Veredas. Profesor ou investigador visitante convidado en varias universidades, impulsa, igualmente, diversos movementos asociativos e de voluntariado. É, na actualidade, coordinador pedagóxico da Asociación Educativa Altair Galiza e director da súa Escola de Tempos Libres.

Xurado

O director da Cátedra Miguel Taín Guzmán, xunto con María José Azevedo Santos, da Universidade de Coimbra, e Daniel C. Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, integraron o xurado deste galardón.

Feijó Torres é decano da Facultade de Filoloxía
Feijó Torres é decano da Facultade de Filoloxía
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2020.