Ir o contido principal

A eliminación do déficit acumulado, obxectivo económico para os vindeiros catro anos

A eliminación do déficit acumulado, obxectivo económico para os vindeiros catro anos
A eliminación do déficit acumulado, obxectivo económico para os vindeiros catro anos
Juan Viaño presentou no Consello de Goberno os datos cos que elaborar as liñas xerais da programación plurianual e dos orzamentos

Eliminar un déficit acumulado, que para finais do ano 2014 está previsto en 14 millóns de euros, é o obxectivo principal da proposta de traballo económico que presentou este martes o equipo de dirección da USC ante o Consello de Goberno da institución compostelá. “É imprescindible que planifiquemos a eliminación do déficit nos vindeiros catro anos”, dixo o reitor Juan Viaño na xuntanza, que ademais anunciou que conta coa colaboración do que fora candidato a reitor nas últimas eleccións, o profesor Antonio López, na busca das mellores solucións económicas e financeiras O xerente da universidade, Xosé Manuel Villanueva, definiu a situación de partida a ter en conta para a elaboración das liñas xerais da programación plurianual e dos orzamentos que se presentarán no Claustro universitario previsto para o próximo mes de novembro. Estas bases, avaladas por unha comisión técnica formada por todos os vicerreitores de economía dos últimos vinte anos, establecen que a superación da situación económica se debe fundamentar nas reformas internas, na negociación dun plan de financiamento coa Xunta de Galicia, na análise e reaxuste da débeda –que ascende a 53 millóns de euros– e no establecemento dun plan de mellora de ingresos por servizos académicos e por investigación. Con esta estratexia, que se desenvolverá nas vindeiras semanas en colaboración coa comunidade universitaria, preténdese reverter a situación actual na que durante o último ano se produciu un déficit que supera os 8 millóns de euros. Maior axuste á realidade galega Na súa exposición, Villanueva explicou que o plan de financiamento actual do Sistema Universitario Galego non atende á realidade da dimensión e da produción científica da USC. Na análise realizada cos datos do Sistema Universitario de Galicia (SUG), a USC ten o 44,10% do persoal universitario da comunidade, o que supón tamén un 48,05% dos profesores doutores de Galicia. Sen embargo, o financiamento recibido do plan é do 40,72%. Ademais, a Universidade compostelá forma ao 40% dos estudantes universitarios galegos e logra que un 52% de todos eles rematen os seus estudos nos prazos previstos. En canto á investigación, a USC logrou en 2012 publicar, en relación ao SUG, o 61,29% de todos os artigos recoñecidos nas revistas científicas de maior impacto (JCR). Do mesmo xeito, tramitou o 61% das patentes tramitadas desde o sistema universitario galego. Consello de Goberno Na xuntanza acordáronse diversas cuestións como a modificación da RPT de PAS, prazas de PDI, a prórroga extraordinaria de contratos de profesorado asociado, o nomeamento e prórrogas de docentes/investigadores ad honorem ou o cambio de denominación do Máster Universitario en Industria e Investigación Química.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2014.