O embaixador de Palestina reflexiona en Ciencias da Comunicación sobre o conflito árabe-israelí
O embaixador de Palestina en España, Musa Amer Odeh, falará este xoves, día 1 de decembro, na Facultade de Ciencias da Comunicación sobre o conflito árabe-israelí. É unha conferencia que se inclúe nas actividades organizadas pola facultade compostelá para achegar ao alumnado os protagonistas deste conflito e que poidan realizar un exercicio práctico arredor deste tema. A visita de Musa Amer Oden á Universidade compostelá coincide coa semana na que se celebra o Día Internacional de Solidariedade con Palestina, o día 29. O encontro co embaixador comezará ás 11.00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación aberto a todo o público interesado. A continuación abrirase unha quenda de intervencións coas persoas interesadas. Para rematar, proxectarase unha serie de proxectos audiovisuais elaborados por estudantes do centro e que participaron no festival de cine árabe Amal. Este ciclo comezou o pasado 16 de novembro coa visita do portavoz da embaixada israelí en España e finalizará o próximo 14 de decembro coa intervención de Elvira Soto, unha das integrantes da Frota da Liberdade. Con posterioridade á conferencia, a partir das 12.30 horas na Aula 0 manterá un encontro con medios de comunicación. Musa Amer Odeh O embaixador de Palestina en España en graduado en Belas Artes (Jordania) e mestrado de Artes en Filosofía e Socioloxía na Universidade de Damasco (Siria). Ocupa a titularidade da embaixada palestina dende setembro de 2010. Con anterioridade foi decano do Consello dos Embaixadores Árabes en Brasil e embaixador extraordinario e plenipotenciario de Palestina en Filipinas e Nicaragua, embaixador designado no Departamento político da OLP en Túnez e director do Departamento de Organización Popular e Sindicatos da OLP.