O emprendedor Álex Barrera explica as claves do seu éxito na ETSE
O impulsor de iniciativas de fomento do emprendemento como Tetuán Valley ou press42.com, Álex Barrera, pronuncia este mércores ás 12.30 horas unha conferencia no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. A charla, organizada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS), leva por título ‘Emprender ou traballar para unha multinacional? A forma de vida dos insatisfeitos’ e está aberta a todas as persoas que teñan interese por coñecer de primeira man as experiencias e consellos dunha das persoas mais activas de España no fomento do emprendemento. Álex Barrera, enxeñeiro superior en informática pola UPM e MBA pola EOI, é un namorado da intelixencia artificial e a neurociencia. Emprendedor en serie, traballou en diversos proxectos, incluíndo Tuenti. Foi fundador de startups como Tetuan Valley, unha escola internacional para emprendedores. Na actualidade está a lanzar o seu último proxecto, Press42.com, ademais de ser mentor en diversos programas de startups en todo o mundo, dende EE.UU até Singapur. Socio de Okuri Ventures, unha empresa de capital risco, é tamén trainer de metodoloxías áxiles para grandes empresas.