Ir o contido principal

O emprendemento agroma na USC da man do ‘Explorer’

Participantes nunha das sesións en liña do programa Explorer 'Mozos con Ideas'
Participantes nunha das sesións en liña do programa Explorer 'Mozos con Ideas'
45 mozas e mozos lanzan 20 proxectos desde o Campus de Lugo e 29 xermolan outras 19 ideas emprendedoras desde Compostela ao abeiro do programa do Banco Santander
Lugo, Santiago de Compostela

As iniciativas empresariais emprendedoras agroman na USC da man da última convocatorio do programa Explorer ‘Mozos con Solucións’, unha iniciativa promovida polo Banco Santander e dirixida polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) que na súa última edición xa en marcha ofrece recursos formativos e servizos de asesoramento a máis de 70 mozos e mozas (45 desde o Campus de Lugo e 29 desde Santiago) maduren e, no seu caso, poñan en marcha, preto de 40 iniciativas empresariais innovadoras (20 desde o Explorer Space da sede universitaria luguesa e 19 desde o centro de coworking compostelán).

O programa Explorer, que superou nesta convocatoria o récord de participantes en Lugo, brindará as ferramentas necesarias para que a mocidade emprendedora desenvolva solucións sólidas, viables e sustentables orientadas a resolver os problemas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados polas Nacións Unidas. A novidade desta edición é a combinación, durante un período de 12 semanas, de formación, recursos e charlas en liña con eventos presenciais en cada un dos Explorer Space habilitados por toda España.

Unha vez rematada esta fase inicial do programa, o grupo de avaliación de cada Explorer Space decidirá os equipos que poden continuar coa súa formación, unha etapa de aprendizaxe que se verá reforzada cunha sesión adicional nun polo de innovación europeo impartida por unha institución educativa de prestixio no verán de 2021.

Perfil de participantes e proxectos

O perfil dos participantes nesta nova andaina do programa de emprendemento mozo do Santander é moi diverso. De feito, o Explorer Space de Lugo está a traballar con potenciais emprendedores, universitarios e non universitarios, con formación nos ámbitos de robótica, cultura, empresa, tecnoloxía, enxeñaría industrial e aeroespacial, veterinaria, educación, bioloxía, psicoloxía, nutrición ou química.

Este carácter heteroxéneo tradúcese tamén nun abano de propostas emprendedoras de temática diversa que abrangue desde proxectos de Marketplace de fabricación industrial, industria creativa, cultural e artesanía ata intercambios culturais, académicos e sociais. A pegada tecnolóxica tamén é fonda nas ideas emprendedoras canalizadas desde o Explorer Space do Campus de Lugo e entre as que se figuran iniciativas de intelixencia artificial e Matching learning no ámbito inmobiliario; intelixencia artificial en predición de toma de decisión para empresas, domótica e asistencia virtual; robótica de asistencia persoal e para persoas con visibilidade reducida; aplicacións fintech baseadas en redes neuronais ou empresas insurtech de inversións e seguros.

Os proxectos de economía circular, inclusión social a través da cultura e con perspectiva de xénero; o desenvolvemento de produtos alimentarios innovadores e con envases bio sustentables, proxectos de benestar animal e outras novas iniciativas ligadas aos eidos da educación e da ciencia, son outras das áreas ás que se dirixen as ideas emprendedoras que se están a xerminar no Explorer Space lugués.

Unha realidade semellante é a advertida no sede compostelá deste programa a prol do emprendemento da mocidade. De feito, entre os 29 participantes inscritos atópanse mozos e mozas con coñecementos formativos en diversas áreas do saber que propoñen iniciativas de negocio e proxectos relacionados cos ámbitos das ciencias sociais, igualdade e inclusión; industrias creativas e turismo; alimentación saudable e avellentamento activo, ou proxectos ligados á automatización de procesos e ao desenvolvemento de software.

Unha década de crecemento en formación emprendedora

O programa Explorer cumpre a súa primeira década de vida logo de impulsar proxectos de máis de 8.000 emprendedores e tras xerar centos de empresas. Nestes anos, a iniciativa do Banco Santander experimentou un crecemento constante no número de participantes, desde os 32 da súa primeira edición até superar as 1.500 persoas vinculadas aos máis de 50 Explorer Spaces en España, Portugal, Arxentina e México.  

A media de idade dos emprendedores, que teñen un perfil universitario, sitúase nos 24 anos. A participación feminina tamén aumentou un 102,8% ao longo desta década, na que un terzo das ideas emprendedoras chegaron a converterse en empresas, das que un 40% nacen con vocación exportadora e a metade contan con dous ou máis traballadores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2021.