A empresa de comercialización de fungos e vexetais Champivil, gañadora da XIII edición dos Premios Aresa
O xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promoven a USC e o grupo empresarial lucense Aresa, elixiu como gañador da décimo terceira edición o proxecto empresarial Champivil, unha sociedade familiar fundada en Vilalba e dedicada á elaboración e comercialización dun amplo abano de produtos agroalimentarios, desde grelos e verzas a arroces e tortillas, pasando por varios tipos de cogomelos e fungos. Con este galardón, dotado con 10.000 euros, o xurado quere recoñecer “a traxectoria dunha empresa familiar fundada no ano 2001, dedicada á elaboración e comercialización dunha ampla gama de produtos vexetais, sempre sen conservantes nin aditivos e procedentes de 116 provedores”. Nestes 11 anos de actividade, a empresa experimentou un notable crecemento; pasando de comercializar 1.000 kg de grelos no 2001 a 286.000 kg de grelos e verzas na actualidade, e a ter arredor de 300 provedores-recolectores de cogomelos. Champivil compra os produtos directamente aos produtores locais, e encárgase posteriormente do seu transporte, transformación e comercialización. Os seus produtos véndense tanto ao natural como deshidratados ou conxelados. A empresa mantén tres empregos directos e 116 indirectos (os produtores locais provedores dos produtos). A empresa está nun constante proceso de innovación, o que lle permite dispoñer na actualidade de máis de 30 referencias no mercado e estar presente tanto a nivel nacional como internacional. A iniciativa xa recibiu anteriormente outros recoñecementos, como o galardón ‘Superior Taste' que lles outorgou a asociación europea International Taste & Quality Institute en agosto de 2012. O xurado resaltou tamén no seu ditame “a especial contribución desta empresa ao desenvolvemento rural, xa que facilita a promoción e valorización de produtos locais, xerando riqueza e emprego no medio rural e contribuíndo a fixar poboación”. Por último, o xurado agradece a participación de todas as candidaturas presentadas e destacou a calidade de todas elas. O xurado desta edición estivo conformado polo reitor da USC, Juan Casares; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidad de Extremadura, Segundo Píriz; Carlota López, conselleira de Aresa; e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, quen actuará como secretario. Este ano foron nove as candidaturas presentadas, en forma de traballos de investigación, iniciativas emprendedoras ou traxectorias persoais e profesionais. Trece anos de traxectoria Na traxectoria deste galardón, creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001, polo seu estudo sobre os valores biolóxicos da Serra do Courel), a Aula de Produtos Lácteos (ano 2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores do premio foron a industria cárnica Novafrigsa (2000), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a empresa Ingapán (2009) ou a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010). A título individual tamén recibiron este recoñecemento o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003), e os impulsores da queixería Casa Macán (2007). Na última edición de 2011 premiouse a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’.