Ir o contido principal

Empresarios rusos asistirán a unha xornada técnica de formación no Centro Tecnolóxico Lácteo de Lugo

Unha trintena de empresarios rusos, a maioría propietarios e directivos de empresas lácteas, así como representantes de estruturas universitarias visitarán o Centro Tecnolóxico Lácteo (CTLácteo) este luns 7, no marco dunhas xornadas tecnolóxico-lácteas ruso-españolas que se desenvolven por toda Galicia entre o 4 e o 10 deste mes.
En Lugo, a visita do luns comezará ás 9:00 horas coa presentación do CTLácteo/Aula de Produtos Lácteos (APL), da man do seu director, Juan Méndez Dónega, que ofrecerá a continuación a conferencia titulada ‘Cadea de valor e innovación’. Seguiralle a intervención do técnico do centro Luis Aldeanueva Potel que falará sobre ‘Avances da tecnoloxía queixeira por ultrafiltración. Cuajadas lácticas. Tvorog. Filadelfia’. A quenda de conferencias rematará co responsable da área de I+D+I do CTLácteo/APL, Sergio Martínez Alonso, e o técnico Alfonso Pérez Quintás, que falarán sobre a elaboración de queixo enzimático por ultrafiltración.
O programa destas xornadas, que se realizan en colaboración con tres empresas tecnolóxicas españolas con implantación no mercado Ruso (Perinox, Efabind e Indima), inclúe tamén visitas á empresa Casa Grande de Xanceda (A Coruña) este sábado 5, a Industrias Lácteas San Vicente (León) o día 8 e a Leyma (A Coruña) o día 9.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2009.