As empresas de base tecnolóxica, claves para saír da actual situación de crise
A importancia das empresas de base tecnolóxica (EBTs) nun contexto de crise como o actual será analizada este venres 29 nun taller gratuíto organizado pola USC e por Emprendia. Para as persoas organizadoras do encontro, a innovación e unha nova perspectiva global do mundo empresarial serán “os alicerces da recuperación económica”. De aí, subliñan, a importancia das EBTs, que “poden dotar ao sistema económico da capacidade de innovación e diferenciación necesaria para o crecemento da industria e servizos”. O taller, que profundará no proceso de internacionalización destas empresas, comezará cunha mesa redonda moderada polo profesor da USC Jacobo Feas e na que participarán o director do Máster de Comercio Exterior da USC, Miguel Angel Otero Simón; o presidente de Blusens, José Ramón García González; e Fernando Gutiérrez, consultor PIPE do sector TIC. A continuación, terá lugar a presentación dos casos de éxito de Neoker, Moonbite Games e MestreLab Research S.L. nunha sesión que presidirá o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Javier Guerra.