Ir o contido principal

Cinco empresas de Compostela ofertan un total de seis prazas para o programa de formación e prácticas en empresas para alumnos de excelencia académica da USC

As empresas Comercial J.E. Varela SL; Financiera Maderera (FINSA); Teleco Santiago; Madesa, Almacén de Carpintería; e a Asociación Galega para a Axudados Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA) ofertarán un total de seis prazas para os titulados da USC que participen no Programa de formación e prácticas en empresas para alumnos de excelencia académica da USC.
A resolución da convocatoria de axudas a empresas para a contratación de alumnos deuse a coñecer este martes 24 nun acto celebrado no Concello de Santiago no que participaron os vicerreitores de Relacións Institucionais e de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Lourenzo Fernández e Máximo Pló, respectivamente; o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Jesús Chenel.
De acordo coa resolución presentada, Comercial J.E. Varela SL oferta dúas prazas para unha persoa licenciada en Dereito e para outra en Administración e Dirección de Empresas; Finsa para un enxeñeiro químico; Teleco Santiago solicita unha persoa licenciada en Física ou Matemáticas; Madesa a un licenciado en Economía ou Administración e Dirección de Empresas; e, finalmente, AGADEA unha persoa diplomada en Educación Social.
Este programa,cun orzamento de 60.000 euros, é a primeira iniciativa deste tipo que xurde en Santiago, e permitirá fomentar especificamente a realización de prácticas en empresas durante un ano cos estudos de posgrao. O seu obxectivo é aproveitar o potencial dos alumnos con mellores expedientes académicos da USC, favorecendo a súa empregabilidade e evitando así a súa saída do concello compostelán. Deste xeito, conclúe a primeira fase do Programa de formación e prácticas en empresas para alumnas/os de excelencia académica da USC, dirixida a aquelas empresas que desexaran sumarse á iniciativa. A segunda fase dirixirase aos alumnos que desexen optar a algunha das seis prazas convocadas.
Perfil dos estudantesPoderanse presentar a este programa titulados superiores da USC que teñan obtido ou reúnan no momento de concorrer á convocatoria a titulación requirida para a praza, ter acadado a titulación con data posterior ao 1 de xaneiro de 2006, non ter nacido antes do 1 de xaneiro de 1976, non ter máis de seis meses de experiencia laboral relacionada cos estudos da titulación e carecer de vínculos coa empresa ofertante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2007.