Ir o contido principal

A ENAC acredita o Laboratorio de Radiofísica da USC como o primeiro secundario de España para a calibración en radioterapia

A ENAC acredita o Laboratorio de Radiofísica da USC como o primeiro secundario de España para a calibración en radioterapia
A ENAC acredita o Laboratorio de Radiofísica da USC como o primeiro secundario de España para a calibración en radioterapia

O Laboratorio de Radiofísica da Universidade de Santiago obtivo a acreditación oficial ENAC para a calibración en radioterapia, de xeito que a institución compostelá alberga o primeiro laboratorio secundario de España para calibrar os instrumentos de medida da dose dos servizos de radioterapia hospitalarios. A dispoñibilidade dun centro así permitirá un mellor cumprimento dos programas de garantía de calidade nos hospitais, que anteriormente tiñan que calibrar o seu instrumental fóra de España, e á exactitude na dose impartida dos tratamentos oncolóxicos de radioterapia. Organismos internacionais como a Organización Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) ou a Sociedade Europea de Radioterapia (ESTRO) recomendan que a dose administrada aos pacientes se sitúe dentro dunha tolerancia do 5%. O Laboratorio da USC, directamente trazado ao patrón internacional de dose absorbida en auga do laboratorio primario nacional alemán PTB en Braunschweig, está capacitado para determinar os coeficientes de calibración cunha incerteza expandida de 0,8% (k=2). En España só dous laboratorios, o da USC e o estatal, poden facer calibracións desta magnitude, coa diferenza de que o compostelán as realiza baixo demanda (agás campañas puntuais) e de maneira continuada e o outro se dedica a campañas públicas descontinuas no tempo. O director do servizo, o profesor Faustino Gómez, entregoulle publicamente esta importante certificación ao reitor Juan Casares nun acto celebrado no Colexio de San Xerome ao que tamén asistiron o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; e os decanos de Medicina e Física, Juan Gestal Otero e Luis Miguel Varela Cabo. Novas instalacións A obtención desta acreditación culmina un proceso de máis de oito anos de traballo que incluíu a construción dun edificio propio en 2009 en Campus Vida, a instalación dunha unidade Theratron (instalada previamente no antigo Hospital Xeral, hoxe desaparecido) cedida á USC polo SERGAS e a implantación da esixente norma ISO 17025. O laboratorio conta con instrumentación de calidade metrolóxica, monitorización permanente dos parámetros ambientais e sistema de aire acondicionado para ofrecer a máis alta calidade de medida. O Laboratorio de Radiofísica da USC é unha plataforma tecnolóxica que forma parte da Rede de Infraestruturas (RIADT) da USC. Ademais de Faustino Gómez, traballan nel o director técnico Diego González e o xefe de Calidade, Antonio Pazos, entre outro persoal. Anos de servizo O pasado ano o Laboratorio da USC rematou a primeira campaña gratuíta de calibración da instrumentación de medida da dose en radioterapia dos hospitais galegos, aos que lle hai que sumar Puerta de Hierro ou a Clínica Ruber Internacional, que perseguen a maior exactitude dosimétrica de novas técnicas de tratamento como a tomoterapia ou Cyberknife. Este centro da USC levou a cabo tamén o seu primeiro tratamento de radioterapia animal en colaboración co hospital veterinario de Lugo Rof Codina. Dende a consecución da acreditación da ENAC en setembro de 2012, o Laboratorio fixo xa calibracións en tres hospitais galegos, un de Tarragona e está a piques de comezar noutro de Salamanca.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2013.