O Encontro galego de educación ambiental reflexionará sobre o estado actual deste campo
O grupo de investigación Pedagoxía Social e Educación Ambiental-SEPA da USC, a Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Educación Ambiental celebrarán este sábado 25 o ‘ Encontro galego de educación ambiental: novos escenarios, novas miradas’. O obxectivo é reflexionar e debater sobre a situación actual da educación ambiental en Galicia en paralelo coa celebración do día 26 do Día Mundial da Educación Ambiental. Así, búscase promover un espazo de lectura crítica atendendo ás novas liñas de traballo que se están a emprender e aos novos escenarios nun momento que os seus promotores consideran de “desmantelamento da educación ambiental”. Un desmantelamento que, alén de abocar ao sector á precariedade e ao paro, “resulta completamente irresponsable á vista dos desafíos da crise ambiental á que nos enfrontamos, encuberta pola crise económica”, sinalan os organizadores. Ao longo da xornada sucederanse as actividades onde se presentarán diferentes experiencias no eido da educación, a comunicación e a xestión ambiental en Galicia, así como espazos para a deliberación colectiva, a través dos que se pretende avanzar na construción de estratexias conxuntas. O encontro celebrarase no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (Parque de Belvís) a partir das 10.15 horas e comezará cunha mesa de debate dirixida a obter un esbozo sobre a situación da educación ambiental en Galicia, na que estarán representados profesionais de ampla traxectoria, procedentes da empresa, administración, sistema educativo ou de colectivos. Ademais o programa dará visibilidade a distintas experiencias estruturadas arredor de catro núcleos temáticos para ofrecer a posibilidade de achegar propostas que permitan seguir avanzando na análise proposta: metodoloxías innovadoras, outra forma de organizarse, novos espazos para a educación ambiental e estratexias de conservación do territorio.