Un encontro ibérico reflexionará sobre os sistemas de información e a protección e conservación da biodiversidade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O proxecto de investigación BIODIV_GNP que lidera a USC organiza un workshop ibérico sobre ‘Sistemas de información e a protección e conservación da biodiversidade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal’, a celebrar o vindeiro 19 de xaneiro en Ponte da Lima. O encontro profunda na importancia cada vez maior que a protección e a xestión dos recursos naturais teñen nas estratexias e proxectos de valorización territorial. É un encontro de asistencia gratuíta para o que é preciso formalizar a inscrición a través dos formulario dispoñible na web www.biodiversidade.eu. O programa da xornada contempla catro aspectos temáticos que arrancan nun encadramento institucional e temático e continúa percorrendo as iniciativas de aplicación, monitorización e xestión territorial; os sistemas de información e a monitorización da biodiversidade; e as particularidades do proxecto BIODIV_GNP. BIODIV-GNP (Biodiversidade Vexetal Ameazada Galicia-Norte de Portugal é un proxecto liderado pola USC e cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 a través dos fondos FEDER da Unión Europea. Ten como obxectivo cubrir as necesidades de recompilación, administración e difusión de información sobre a distribución e as principais necesidades de conservación da flora ameazada do noroeste peninsular. Xunto coa USC, no proxecto participan ademais a Universidade de Porto, a Fundación CEER, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e a Fundaçao Fernão Magalhães para o Desenvolvimento.