Ir o contido principal

Un encontro internacional na casa Europa repasa os enfoques teóricos e prácticos no ensino do alemán como lingua estranxeira

A universidades de Santiago e Humboldt de Berlín organizan na Casa de Europa un encontro internacional sobre ‘Enfoques teóricos e prácticos no ensino do alemán como lingua estranxeira’ que se articulará arredor de conferencias e sesións de traballo específicas en forma de workshop. Entre os días 28 e 30, participarán investigadores, doutorandos e estudantes de varias universidades alemás e españolas xunto con docentes de ensino medio e universitario. As sesións comezarán ás 17.00 horas. Esta é unha iniciativa que conta co financiamento do Servizo Alemán de Intercambio Académico (DAAD) no marco do seu programa ‘Diálogo Universitario co Sur de Europa’, destinado a estimular o debate científico, sociopolítico e cultural, aberto a todas as disciplinas académicas. Esta conferencia está motivada polo crecente interese en España pola lingua alemá e que, en opinión dos seus promotores, precisa dunha oferta docente diferenciada, tendo en conta que no máster do profesorado a formación especializada en alemán apenas está representada. Por outra banda, preténdese que a didáctica do alemán reciba impulsos das novas ferramentas e enfoques lingüísticos como a lingüística de corpus, lingüística cognitiva, espacial ou a gramática construcional que faciliten o camiño para unha transmisión integrada do léxico e a gramática. As persoas interesadas poden acadar máis información na Web http://usc.subsi.de/wordpress/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2013.