Ir o contido principal

Un encontro en Medicina revisará as últimas novidades en programas de coidados para persoas con síndrome de Down

Un encontro en Medicina revisará as últimas novidades en programas de coidados para persoas con síndrome de Down
Un encontro en Medicina revisará as últimas novidades en programas de coidados para persoas con síndrome de Down

A Facultade de Medicina acolle este sábado 25 o simposio sobre ‘Atención sanitaria integral para persoas con síndrome de Down’, encontro que promove a Unidade de Odontoloxía para pacientes con necesidades especiais da USC. No marco da discapacidade intelectual, a síndrome de Down “ocupa un lugar preferente pola súa prevalencia e características fenotípicas”, explica o director da Unidade, o catedrático Pedro Diz Dios.

Se ben as presentacións científicas comezarán a primeira hora da mañá, o reitor Juan Viaño presidirá ás 13.00 horas o acto de presentación oficial do simposio, nunha xornada no Salón de Actos da Facultade de Medicina na que tamén está previsto a presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. Tamén intervirán a xerente de Xestión Integrada da Área Sanitaria de Santiago, Eloína Núñez Masid; o vicedecano da Facultade, Juan A. Suárez Quintanilla; o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González; e o coordinador do simposio, Pedro Diz Dios.

O significativo aumento da supervivencia de persoas con esta síndrome nas últimas décadas, de xeito paralelo a procesos de comorbilidade, “xustifica a formulación multidisciplinaria deste simposio” engade o profesor Pedro Diz, para así “abarcar dende a diagnose temperá ata a patoloxía emerxente dos adultos”. Neste contexto, o carácter asistencial da Unidade de Odontoloxía para pacientes con necesidades especiais “constitúe unha aposta firme da USC, xa que os coidados en saúde oral axudan a proporcionar ás persoas con síndrome de Down unha mellor calidade de vida e maiores niveis de autoestima, facilitando en consecuencia a súa integración social e contribuíndo a desenvolver ao máximo as súas capacidades naturais” apunta o docente.

Programa
O simposio deste sábado, no Salón de Actos da Facultade de Medicina, está organizado en dous bloques temáticos para tratar cuestións de patoloxía xeral e e patoloxía de cabeza e pescozo. A quenda de intervencións comeza ás 9.30 horas coa intervención do catedrático Ángel Carracedo para explicar as bases xenéticas da síndrome de Down, para continuar co coordinador do Programa de Saúde para nenos con síndrome de Down da comunidade valenciana, Rafael Fernández-Delgado, que presenta o programa de saúde para nenos e adolescentes. Completa o bloque de patoloxía xeral o asesor médico da Federación Española de Síndrome de Down, José María Borrel Martínez, aludindo ao ‘Programa de saúde para adultos’.

No capítulo de patoloxía de cabeza e pescozo, a partir das 12.00 horas, Rita Mª Blanco Rivas, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, aborda a patoloxía oftálmica, mentres que Dionisio Alonso Párraga, do mesmo centro, referirase á otorrinolaringolóxica. O profesor da USC e integrante da Unidade de Odontoloxía para pacientes con necesidades especiais da USC Jacobo Limeres Posse trata a patoloxía oral. Para completar o programa, o profesor Pedro Diz presentará o libro Ortodoncia y ortopedia dentofacial en el síndrome de Down.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.03.2017.