Ir o contido principal

O Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC en Lugo representarase integramente nas rúas da cidade

De dereita a esquerda, Juan Carlos Zahera, Mario Outeiro, Francisco Durán, Pedro García Herradón, Antón Bao e José Carlos Rodríguez Andina
De dereita a esquerda, Juan Carlos Zahera, Mario Outeiro, Francisco Durán, Pedro García Herradón, Antón Bao e José Carlos Rodríguez Andina
O programa desta décima edición, que se desenvolverá entre os días 16 e 17 de abril, inclúe compañías das tres universidades galegas e da portuguesa de Beira Interior

A principal novidade da décima edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea de Lugo será a representación por vez primeira nas rúas e prazas da cidade de todo o programa de actuacións. Baixo o nome común ‘Espazos que danzan’, entre os días 16 e 17 lugares emblemáticos da capital lucense como a praza da Soidade, a rúa da Raíña ou a rúa de San Marcos serán o escenario no que se presentarán as coreografías que compoñen a oferta do encontro. En caso de que o tempo non o permita, os espectáculos trasladaranse a localizacións cubertas nas proximidades de cada un dos puntos que conforman o circuíto de actuacións. Para esta edición cóntase coa presenza de compañías das tres universidades galegas: ademais do Espazo de Danza da USC, dirixido por Juan Carlos Zahera e con compañías en Santiago e Lugo, estarán tamén representadas as universidades de Vigo e A Coruña, a través das súas respectivas aulas de danza. Así mesmo, a compañía independente Mu-danzas, asociada á USC, estará igualmente presente no encontro, que completa o seu programa coa participación da formación Teatrubi, procedente da universidade portuguesa de Beira Interior. No acto de presentación do certame participaron o vicerreitor de Coordinación do campus lucense, Pedro García Herradón; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Antón Bao; o xefe de servizo de Coordinación da Área Cultural da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera. Máis dunha década de traballo O Espazo de Danza da USC, organizador do encontro, naceu hai máis dunha década como xeito de incorporar esta disciplina artística dentro da oferta cultural da institución académica. Nestes quince anos de traxectoria, a área dirixida por Zahera produciu arredor dunha vintena de montaxes coreográficas e realizou máis de 60 actuacións en festivais, seminarios, mostras e reunións científicas. Ademais, do Espazo de Danza da USC saíron un importante número de bailarinas profesionais de referencia no ámbito galego e nacional. Á parte deste encontro anual, o Espazo de Danza da USC mantén a actividade das súas dúas compañías e organiza con periodicidade cursos e talleres dirixidos á comunidade universitaria en xeral, independentemente da formación técnica dos interesados: “Cumprimos a dobre función de ser un atractivo complemento académico e formativo cara a dentro da universidade, e unha eficaz embaixadora da USC como institución aberta e creativa cara ao exterior”, explica Zahera. Outras citas de Lugo Cultural O programa Lugo Cultural 2012, organizado conxuntamente pola USC, a Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia, e no que se enmarca este encontro de danza, achega outras propostas, neste caso musicais, para os próximos días. Dentro o ciclo Músicas a carón da Mosqueira, o martes 17 de abril preséntase o concerto de Inés Picado Molares (viola) e Alicia González Permuy (piano), na Casa do Saber, onde tamén actuará o trío de folk Talabarte o xoves 19, dentro da serie de recitais Lubicán. Finalmente, o luns 23 péchase o programa Unijazz coa actuación de Abe Rábade Trío na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2012.