Ir o contido principal

O Encontro Universitario de Danza despídese das rúas de Lugo cunha tripla proposta antes de viaxar a Santiago

Actuación da Compañía de Danza da USC en Lugo, dentro do Encontro Universitario de Danza Contemporánea
Actuación da Compañía de Danza da USC en Lugo, dentro do Encontro Universitario de Danza Contemporánea
As actuacións desta segunda xornada terán lugar na rúa da Raíña e as prazas da Horta do Seminario e da Soidade, con localizacións alternativas en caso de chuvia

O martes 17 as rúas de Lugo volverán ser o escenario da segunda xornada e última do 10º Encontro Universitario de Danza Contemporánea, organizado polo Espazo de Danza da USC. Desta volta, as localizacións elixidas son a rúa da Raíña e as prazas de Horta do Seminario e da Soidade. A primeira das citas chega ás 12.00 horas na rúa da Raíña, e nela representaranse as pezas Unha cidade por ser, da Aula de Danza da Universidade da Coruña, baseada na obra literaria Las ciudades invisibles, de Italo Calvino; e Isto non é, unha proposta creada a partir da descontextualización de pezas clásicas que achega D-ou-tras, a compañía de danza da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. En caso de chuvia, o espectáculo trasladarase á galería comercial situada na mesma rúa. Ás 14.00 horas as coreográficas trasládanse á praza da Horta do Seminario, onde a compañía portuguesa Teatrubi, procedente da Universidade de Beira Interior, presentará a súa peza Mata-dor. A proposta complétase nesta segunda cita do día coa actuación da Compañía de Danza da USC en Lugo, que interpretará A escoita do corpo, inspirada nas sensacións, circunstancias e emocións que emerxen da cerna do corpo cara ao exterior. A localización alternativa neste caso será o edificio da Facultade de Formación do Profesorado. O encontro péchase coa dobre representación que se desenvolverá na praza da soidade a partir das 18.00 horas, e na que participan a compañía MU-Danza, coa súa peza Vinte caixas, sobre a base dunha mudanza na que os elementos da escena van desaparecendo da vista do espectador; e a Compañía de Danza da USC en Santiago, que presenta Diversos, unha coreografía que toma a multiculturalidade como eixe vertebrador. As instalacións do Museo Provincial acollerán as actuacións se o tempo no permite a súa representación na praza. Os días 18 e 19 o Encontro Universitario de Danza trasládase a Santiago de Compostela, onde se presenta unha proposta similar á de Lugo, con actuacións espalladas por diferentes localizacións dos tres campus composteláns. Miguel Gendre e Míriam Maril, da Compañía de Danza da USC en Santiago, interpretan Diversos

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2012.