O Encontro Universitario de Danza subirá o pano do 12 ao 19 de abril

A vixésimo primeira edición do Encontro Universitario de Danza desenvólvese no Campus de Lugo os días 12 e 13 de abril, mentres que, en Compostela, celebrarase o mércores 19. Este foro artístico, promovido para favorecer o intercambio cultural a través da danza, ademais de para achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade, posibilitou que, ao longo de máis de dúas décadas, compañías universitarias procedentes de Francia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Italia, México, Porto Rico e Colombia, entre outros países, presentaran as súas respectivas creacións artísticas nos distintos campus da USC.
Lugo
O mércores 12 de abril, a partir das 20.30 horas, a Casa do Saber de Lugo acollerá a presentación da performance ‘Espazos abandonados’, a cargo do alumnado de danza contemporánea da USC. O elenco de bailaríns desta peza, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Ludovico Einaudi, está integrado por Lucía Fernández, Candela Gamallo, Irene Insua, Julia Lacleta, Daniela Mangas, Brais Rodríguez e Elena Sánchez.
A compañía ‘D-ou-tras’, do campus de Ourense da Universidade de Vigo dará continuidade á quenda de representacións da primeira xornada do XXI Encontro de Danza coa presentación de ‘Corpos celestes’, froito dun traballo de investigación ao redor das traxectorias dos corpos celestes e as diferentes densidades do aire. Ainhoa Viñuela, Alicia Fraga, Ánxela González, Daniele Tommasini, Diego Negro, Belén Ferro, Rosa Puga, Laura Lozano, Mercedes Ferro e Sira Gonzále conforman o elenco de intérpretes desta obra, que conta con coreografía de Nuria Sotelo.
A compañía de Danza da USC, xunto coa formación Sen Vergoña, integrada por alumnado do programa de IV Ciclo da USC e que conta tamén con Juan Carlos Zahera como director artístico, pecharán a primeira xornada deste encontro de danza coa función ‘Alento’. Esta nova produción da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura fai alusión ao primeiro e último que temos nesta viaxe da vida; o que nos impulsa á acción e nos frea ante as situacións difíciles, o que nos anima a danzar e a expresar: o alento.
Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Carmen Sarmiento, Dolores Besteiro, Herminda Méndez, Beatriz Ovalle, Rosa Menéndez, Sabela Rodríguez e Victoria Vázquez conforman o elenco que interpretará a obra, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Armand Amar. Sabela Rodríguez é a autora do texto, ao que pon voz Xosé Valcárcel.
O alumnado de danza contemporánea da USC abrirá de novo o xoves 13, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber, a segunda xornada do XXI Encontro de Danza cun novo pase da performance ‘Espazos abandonados’. De seguido, a aula de danza da Universidade da Coruña presentará ‘Á espera de...’, unha proposta escénica que reflexiona desde o movemento sobre o acto de agardar.
Inspirada na obra de Samuel Beckett, ‘Á espera de Godot’, a coreografía desta intervención é de Alba Fernández Cotelo e coreografía colectiva. As bailarinas e os bailaríns serán Daniela Castellanos, Remedios Cuba, Cristina Nogueira, Alfonso Louro, Elías Álvarez, Fabiola Fraga, Tania Galán, Estefanía Calo, Ana Blanco, Aida García, Jacqueline Reimúndez, Marta Argüelles e Lucía Castro. Unha vez rematada a interpretación desta composición, as compañías de danza da USC pecharán o encontro cun segundo pase da obra ‘Alento’.
Santiago
O Encontro de Danza botará a andar en Compostela o día 19 pero como petisco o Teatro Principal acollerá o luns 17 o MilongUSC, un espazo onde as persoas amantes do tango e da milonga se reúnen para bailar e socializar. “É un lugar onde se respira o ambiente do tango e se comparte a paixón polo baile”, explica o responsable do Espazo de Danza, Juan Carlos Zahera. “A milonga é un lugar de encontro dos e das amantes do tango e da milonga, onde se comparten experiencias, se practica baile e se goza da música nun ambiente amigable e social”, engade. O evento contará coa participación do alumnado do curso de danza-tango 22/23 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido ao longo do curso.
Xa o mércores, 19 de abril, a partir das 20.30 horas e tamén no Teatro Principal, o encontro botará a andar en Compostela coa obra ‘Á espera de....’, a cargo da aula de danza da Universidade da Coruña. A continuación, será a quenda da Compañía de Danza da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, coa obra titulada ‘Corpos Celestes’. A obra ‘Alento’ da USC será a encargada de pechar a sesión. A entrada é libre e gratuíta para todas as representacións ata completar a capacidade do espazo.