Ir o contido principal

Os X Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago e o Congreso Internacional homónimo xa teñen o seu libro de actas

A presentación celebrouse no transcurso dun café-coloquio no Hostal dos Reis Católicos
A presentación celebrouse no transcurso dun café-coloquio no Hostal dos Reis Católicos

Os X Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago e o Congreso Internacional que baixo a mesma denominación se celebraron en Compostela o pasado ano organizados pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía xa dispoñen do seu libro de actas logo da presentación este mércores 14 do volume Las raíces del humanismo europeo y el Camino de Santiago, editado polo Servizo de Publicación da USC. A presentación deste novo título tivo lugar nun acto no que interviñeron os profesores Marcelino Agís e Agustín Dosil e o presidente da Fundación Ad Sanctum Iacobum Peregrinatio, Marcelino Oreja, como responsables da edición; o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; o subdirector xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Santiago Álvarez; a directora xerente do Plan Xacobeo, Camino Triguero; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco. Como se puxo de manifesto na presentación, cada un dos capítulos desta obra contribúe dende un punto de vista específico a interpretar a crise de valores do noso tempo e a propor solucións ao respecto. Trátase “dunha crise que convida a construír un novo humanismo, recuperando a dimensión transcendente do home e os valores da persoa”. Nos dous encontros agora presentados en forma de libro, convocouse a filósofos, economistas, políticos e estudosos da sociedade a reflexionar sobre as raíces do humanismo europeo, “que de xeito senlleiro encarnou e encarna o Camiño de Santiago”. Os coordinadores da edición consideran que o libro recolle “unha reflexión necesaria para contemplar con esperanza o futuro da cultura europea”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2011.