A enerxía solar, a debate nun curso de verán da USC
O curso de verán da USC ‘A enerxía solar na sociedade, na empresa e na investigación’ analizará do 9 ao 13 de xullo na Facultade de Física a situación desta enerxía renovable na actualidade. As sesións, dirixidas pola profesora da USC Ángeles López Agüera, están confinanciadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e Isofotón, empresa responsable de proxectos de enerxía fotovoltaica en Europa.
O encontro dará comezo o luns, día 9, coa conferencia ‘A enerxía solar na sociedade’ que pronunciará unha das responsables da Área de Enerxía de Greenpeace España, Raquel Morro. Durante o resto da xornada, varios expertos abordarán a enerxía solar na sociedade profundando na influencia da tecnoloxía, os proxectos emblemáticos e o desenvolvemento sostible. Como peche desta sesión, a Facultade acollerá unha mesa redonda sobre a mesma cuestión.
Ao día seguinte, o seminario centrarase nos conceptos xerais sobre enerxía solar preguntándose se temos sufienciente sol en Galicia, cales son os sistemas fotovoltaicos e as súas aplicacións, a arquitectura bioclimática e os fundamentos de enerxía solar. Finalmente, especialistas do Inega describirán a implantación de enerxía solar na comunidade galega.
Durante o mércores 11, o curso ofrecerá charlas sobre a enerxía solar na empresa explicando os seus aspectos socioeconómicos, a xestión de proxectos e o réxime xurídico das enerxías renovables. Como remate presentaranse unha serie de curtametraxes e celebrarase unha mesa redonda sobre a capacidade de captación en empresas do sector.
Na seguinte xornada, o centro será sede dun conxunto de talleres prácticos sobre os sistemas fotovoltaicos conectados á rede, os sistemas térmicos e a eleboración dunha auditoría enerxética.
O I+D+i no eido da enerxía solar será a cuestión central da última xornada que pechará o encontro, cunha mesa redonda sobre o futuro da investigación no campo da enerxía solar e con dúas charlas acerca do programa marco 2006:2010 xunto coas actuais liñas de investigación.