Ir o contido principal

Enfermaría inaugura dúas mostras sobre seguridade viaria e o acceso aos recursos sanitarios nos países en desenvolvemento

A Comisión Cultural da Escola de Enfermaría acaba de inaugurar dúas mostras na súa sede do Campus Norte e no Pavillón Docente Novoa Santos (a carón do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) que estarán abertas aos público ata o próximo 12 de marzo.
En Xoán XXIII, permanecerá a disposición do público unha exposición itinerante que a Dirección Xeral de Tráfico cedeu do seu fondo histórico de carteis con material procedente das diferentes campañas de seguridade viaria. Dende as formas primixenias ata o protagonismo masivo que hoxe lidera a televisión, os carteis constituíron un dos medios publicitarios máis utilizados nas campañas de tráfico. Na sede da Escola de Enfermaría preséntase un percorrido polas campañas de seguridade dende 1960 ata a actualidade.
Na mostra exposta no edificio Novoa Santos aténdese por outra banda a aplicación das novas tecnoloxías en favor dunha maior equidade no acceso aos recursos sanitarios nos países en vías de desenvolvemento. Foi precisamente a toma de conciencia respecto da desigual distribución e acceso a estes recursos o que motivou que un grupo de estudantes do Grupo de Bioenxeñaría e Telemedicina (GBT) da Politécnica de Madrid e a ONG Enxeñeiros sen Fronteiras traballaran xa en 1997 no deseño de sistemas e servizos de comunicación apropiados ás necesidades do persoal sanitario rural dos países de América Latina. A partir destes traballos executouse o Programa Ligazón Hispana Americano de Saúde que, dende a telemedicina, pretende contribuír á mellora dos sistemas públicos de asistencia sanitaria nas zonas rurais de América Latina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2010.