Enterramento masivo contra as violencias de xénero

O alumnado da materia Socioloxía da Educación da USC que imparte Jorge García Marín fai un chamamento a toda a cidadanía para participar nunha acción simbólica de protesta contra a violencia de xénero que consistirá na simulación dun enterramento.
A performance, que se desenvolverá este xoves 20 ás 19.30 horas na Praza de Praterías, enmárcase nun proxecto que ano tras ano, e como parte práctica da materia, converte as rúas de Compostela en escenarios improvisados no que os e as futuras docentes de Educación Primaria e Infantil constrúen mensaxe escénicas coas que dar voz ás mulleres que loitan cada día pola igualdade.
Co enterramento deste xoves, que agardan “masivo”, queren lanzar un grito de condena da “ grave violencia física e simbólica exercida nesta época contra as mulleres, que día tras día van enchendo os nosos cemiterios”, explican.