Ir o contido principal

Entidades de España e Portugal participan na APLTA nun foro sobre innovación de produtos lácteos para poboación sénior

Participantes no workshop do proxecto Seniorlact, no edificio Cactus de Lugo
Participantes no workshop do proxecto Seniorlact, no edificio Cactus de Lugo

O workshop Seniorlact, promovido polo Clúster Alimentario de Galicia e centrado na innovación de produtos lácteos para a poboación sénior, reúne este venres nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC máis de medio centenar de técnicos e investigadores de empresas e entidades de España e Portugal.

O presidente do Clúster Alimentario de Galicia, José Luis Antuña; o director da APLTA da USC, Enrique Arbones, e a catedrática da USC e presidenta do comité científico da Fundación Dieta Atlántica, Ángeles Romero, foron os relatores encargados de inaugurar este seminario de traballo encadrado no proxecto Seniorlact, impulsado pola Asociación Empresarial Nutrición e Saúde e o Clúster Alimentario de Galicia coa finalidade de desenvolver produtos lácteos, alimentos e bebidas capaces de exercer un cometido preventivo e redutor de factores de risco e de enfermidades en persoas de idades avanzadas. O obxectivo deste workshop é a presentación e o intercambio de información entre as persoas, empresas e entidades representadas. Daquela, os distintos relatores convidados abordaron nas súas exposicións aspectos técnicos fundamentais que se encadran en diferentes bloques temáticos: ingredientes da fórmula dos alimentos, aspectos nutricionais, desenvolvemento de produtos, posición de produtos e tendencias dos consumidores nos mercados. A celebración deste tipo de workshops sobre alimentación para a poboación sénior na UE busca avanzar nas solucións para o problema do envellecemento demográfico ao que se enfrontan a Unión Europea, onde se prevé que o número de habitantes maiores de 65 anos represente o 30% do total en 2060, data na que se triplicará a actual porcentaxe de maiores de 85 anos. Ante esta inminente modificación da actual pirámide de poboación, o envellecemento activo e saudable constitúe todo un reto social. Programa da xornada Esta xornada de traballo sobre innovación de produtos lácteos para a poboación sénior desenvolveuse en quenda de mañá nas instalacións do edificio Cactus do campus de Lugo, onde diferentes relatores ofreceron outras tantas intervencións sobre cuestións referidas a aspectos nutricionais e alegacións nos produtos saudables para a terceira idade, ingredientes e conceptos funcionais para a poboación sénior ou retos tecnolóxicos para o desenvolvemento de novos produtos. A posta en común de experiencias e investigacións en desenvolvemento de alimentos con características específicas para seniors, as claves no deseño de produtos personalizados para a xente de idade avanzada, as posibilidades de innovación que depara a saúde pública para a industria alimentaria e a presentación das conclusións do proxecto Seniorlact, foron outras das cuestións abordadas neste foro. Xa en quenda de tarde, as persoas que participaron neste workshop do proxecto Seniorlact trasladáronse ás novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, onde ademais de visitar a planta piloto e coñecer os seus equipamentos de vangarda, tamén celebraron distintas reunións bilaterais e sesións de traballo específicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2015.