Ir o contido principal

Entrega das certificacións ISO 9001 e 14001 á Estación de Bioloxía Mariña da USC

Acreditan o sistema de xestión de calidade e de xestión mediambiental dos traballos docente e investigador da Estación

A Estación de Bioloxía Mariña da USC acaba de acreditar os traballos de apoio docente e investigación en Zooloxía Mariña que realiza coas certificacións ISO 9001:2008 de Xestión da Calidade e ISO 14001:2004 de Xestión Medioambiental. O centro investigador recibirá as credenciais de ambas certificacións este xoves 6 nun acto ás 11.30 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome no que participarán o reitor Juan Casares, o director xeral de Lloyd’s Register Quality Assurance España, Juan Maties García; o director da Estación, Victoriano Urgorri Carrasco; e a subdirectora deste centro, Celia Besteiro Rodríguez. As certificacións outorgadas, tanto en Xestión Medioambiental como de Calidade, recoñecen os procesos utilizados por este centro investigador nos traballos de recolección, separación e identificación de fauna bentónica, determinación de parámetros fisicoquímicos en auga e en sedimento, así como as análises sedimentolóxicas. A Estación de Bioloxía Mariña da Graña que dirixe o profesor Victoriano Urgorri creouse coa fin de fomentar e facilitar a investigación e a docencia na bioloxía mariña e o asesoramento e difusión nos temas relacionados coa fauna e flora mariñas de Galicia. As súas instalacións comprenden dous edificios: a Casa do Hórreo destinada a investigación, con instalacións e medios axeitados para o desenvolvemento de traballos e reunións científicas, proxectos de investigación e teses de doutoramento, e a Casa da Estrela para fins docentes e cunha residencia para facilitar a realización de actividades formadoras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2014.