Ir o contido principal

Entrega de diplomas aos alumnos da primeira edición do Máster en Psicoloxía Xurídica

O vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, presidirá este venres 4 a entrega de diplomas aos alumnos do primeiro Máster de Psicoloxía Xurídica. O acto, no que tamén estará presente a decana da Facultade de Psicoloxía Socorro Rodríguez Holguín, celebrarase a partir das 16:30 horas no Salón de Actos deste centro compostelán.
Na mesma sesión, o fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela, pronunciará a conferencia de clausura do programa docente do máster para referirse á importancia da formación especializada no ámbito da psicoloxía xurídica e a súa incidencia na xustiza.
Trátase do primeiro máster que as tres universidades galegas impulsan de xeito conxunto neste ámbito específico. Este posgrao, no que estaban inscritos un total de vinte alumnos entre profesionais e titulados en Psicoloxía, obtivo unha puntuación de 4,85 puntos sobre un total de cinco na avaliación realizada pola Vicerreitoría de Calidade e Planificación, en base á opinión dos alumnos que, na súa totalidade, recomendarían cursar este posgrao a outras persoas.
Completando as sesións presenciais, os vinte inscritos no máster realizaron prácticas profesionais en diferentes ámbitos da Psicoloxía Xurídica e Forense, no marco de colaboracións coa Unidade de Psicoloxía Forense e coa Consellaría de Presidencia e Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
O obxectivo xeral deste máster foi dotar ao alumnado dunha capacitación teórico-práctica que lle permita satisfacer as demandas que na actualidade se presentan neste eido da Psicoloxía. Neste senso, o programa docente percorreu os modelos, teorías e técnicas psicolóxicas máis actuais que sustentan a intervención, ao tempo que lle dá cabida á bagaxe legal e procesal imprescindible para o exercicio profesional neste ámbito.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2008.