Ir o contido principal

Entrega de diplomas do Máster en Prevención de Riscos Laborais da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo

A Facultade de Ciencias celebra este mércores 18 o acto de clausura e entrega de diplomas aos 39 alumnos que cursaron o Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Ambiental neste centro universitario. O acto celebrarase no Salón de Graos da facultade ás 19:00 horas. A entrega de diplomas estará presidida polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, e polos directores do máster, Carlos Quintás Fernández e Francisco Fraga López, que tamén é decano da facultade.
O obxectivo deste curso era a formación de técnicos de nivel superior en Prevención de Riscos Laborais, de acordo coa formación requirida na lexislación vixente, tanto con saídas laborais na empresa privada como para as institucións públicas. De feito, neste máster fixéronse as tres especialidades que contempla a titulación de Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais, capacitación que acadaron coa finalización do curso, podendo os alumnos escoller entre calquera das tres especialidades, Seguridade, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada e Hixiene Industrial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2009.