Entrega de diplomas e premios a proxectos fin de carreira da última promoción de enxeñeiros agrónomos da EPS
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo despediu a última promoción de enxeñeiros/as agrónomos/as egresados/as do campus lugués cun acto de entrega de diplomas e insignias aos 18 novos titulados/as, celebrado no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo e no marco do que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia premiou o proxecto de final de carreira desenvolvido por Beatriz Pazos Rico, que recibiu unha gratificación en metálico de 1.000 euros. Os outros dos traballos distinguidos polos membros do tribunal encargado de avaliar as 15 propostas presentadas a estes galardóns outorgados polo órgano colexiado recaeron en Iván Díaz López e Ignacio Campo Cacharrón, que recibiron cadanseu diploma acreditativo. A decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Pedro Calaza Martínez, foi o encargado de guiar este acto institucional, que comezou cun breve relatorio a cargo da directora xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Verónica Barcia Tellado, unha antiga egresada da Escola Politécnica Superior, que fixo unha breve exposición sobre os múltiples cometidos dos enxeñeiros/as agrónomos no que atinxe á conservación da natureza. O director da Escola Politécnica Superior da USC, Javier Bueno Lema, trasladou os seus parabéns aos novos/as titulados/as, ao tempo que os/as animou a que, unha vez rematado este periplo formativo, afrontaran de xeito activo o proceso de busca de emprego, xa que “aínda que o mercado de traballo é complexo, nesta profesión segue a haber oportunidades, polo que non cómpre caer no desánimo”. Bueno Lema argumentou a súa mensaxe optimista con datos de ofertas de traballo que está a recibir a Escola Politécnica Superior da USC, que, segundo indicou, denotan un pequeno aumento da demanda de enxeñeiros/as agrónomos. O acto académico de entrega de insignias e diplomas así como dos premios fin de carreria San Cidre 2014 aos novos/as enxeñeiros agrónomos titulados/as na EPS contou tamén coa presenza do alcalde de Lugo, José López Orozco, e do deputado provincial delegado da área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos. Asemade, esta sesión serviu tamén para a presentación do libro ‘Escenarios profesionais do Enxeñeiro Agrónomo’, de Joaquín Giménez de Azcárate Moreno, editado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia con motivo da conmemoración do 60 aniversario da súa creación, e no que o autor alerta do grave problema de desertización que está a experimentar o territorio español. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, reiterou na clausura deste acto os parabéns para os novos enxeñeiros/as titulados/as, ao tempo que agradeceu ao Colexio Oficial de Enxeñerios Agrónomos de Galicia a súa colaboración coa USC. García Herradón sinalou na súa intervención as novas oportunidades que abre para o campus de Lugo o Campus Terra, unha estratexia de futuro que xira a carón do concepto da terra, pero na que teñen cabida todos os centros da sede universitaria luguesa, así como as distintas liñas de investigación que desenvolve o seu persoal docente e investigador. García Herradón clausurou o acto cunha cerrada defensa da universidade pública como foro de creación e transmisión de coñecemento a todas as persoas. “Este é o principal cometido da Universidade”, sentenciou García Herradón, que logo apelou ás distintas administracións a partir deste concepto á hora de deseñar o financiamento das universidades en lugar de arbitrar estas partidas económicas en función de criterios exclusivamente cuantitativos, tales como o é a existencia dun maior ou menos número de matriculacións universitarias.