Entrega de insignias e Premios Fin de carreira a titulados/as en Enxeñaría Agrícola egresados/as da Escola Politécnica Superior
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo acubillará este xoves, día 29 de maio, a partir das 12.00 horas, a cerimonia académica de entrega de imposición de insignias e entrega de de Premios de Fin de Carreira a enxeñeiros/as técnicos agrícolas e graduados/as en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural e en Enxeñaría das Industrias Agrarias e Agroalimentarias egresados/as do centro universitario lugués o pasado curso 2012-2013.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidirá a celebración desta sesión, no marco da que o ex xefe do Servizo de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias (Cocai) da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, José Mouriño Cuba, ofrecerá un relatorio baixo o título ‘As denominacións de calidade como alternativa na produción agraria’. O acto académico, organizado en colaboración cos colexios oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo e da Coruña e Pontevedra, que son os órganos colexiados que sufragan os premios aos mellores traballos fin de grao, proxectos fin de carreira e estudos técnicos, contará tamén coa participación dos presidentes dos citados entes colexiados, Armando Rey Rodríguez e Rafael José Muíños Moreno, respectivamente, así como do director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema.
Ao remate da sesión, que se desenvolverá no salón de actos Isaac Díaz Pardo da EPS, todos los asistentes a este acto poderán compartir uns petiscos na cafetería do centro universitario.