Ir o contido principal

Entrega do premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve ao grupo de Rubén Nogueiras

Este galardón recoñece un artigo deste grupo da USC como o mellor artigo de investigación farmacolóxica publicado por un autor español nos últimos tres anos

Os investigadores do grupo de Metabolismo Molecular da USC Rubén Nogueiras e Daniel Beiroa recibirán este martes 4 de xullo o premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve ao mellor artigo de investigación farmacolóxica publicado por un autor español nos últimos tres anos. A entrega realizarase nun acto a partir das 12.00 horas no Centro de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC.

O acto de entrega comezará coas intervencións da vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e do director da Fundación Dr. Antonio Esteve, Fèlix Bosch. Deseguido intervirán Rubén Nogueiras que realizará unha presentación do grupo de investigación e Daniel Beiroa, primeiro asinante do traballo, que presentará un resumo do artigo premiado. O premio, outorgado por un tribunal internacional, está dotado con 18.000 euros.

O traballo premiado conseguiu, por un lado, demostrar en roedores cómo a liraglutida actúa no cerebro e activa un mecanismo para queimar graxa e incrementar o gasto enerxético sen que se vexa afectada a inxesta de alimentos. Por outra banda, a investigación tamén realizou un exhaustivo seguimento de quince pacientes con obesidade e diabete tipo 2, controlando periodicamente o peso, a alimentación, a insulina, a glucosa e outros indicadores. Despois dun ano de tratamento, os pacientes mostraron un maior gasto enerxético e lograron perder un 5% de graxa, resultados especialmente relevantes, xa que esta redución contribúe a mellor o seu perfil clínico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2017.