Entrega dos premios aos equipos gañadores da primeira edición do programa de emprendemento universitario Argos
Un premio en metálico de 3.000 euros, seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación e asistencia gratuíta no proceso de constitución dunha empresa son os premios que recibirán cada un dos dous equipos emprendedores universitarios premiados na primeira convocatoria do programa Argos. Ademais, haberá un accésit que ofrecerá acceso ao espazo de incubación empresarial para un terceiro equipo premiado. A USC puxo en marcha en xuño de 2013 este programa Argos co obxecto de crear e impulsar equipos emprendedores universitarios integrados por alumnado de últimos anos, posgrao ou titulados recentes capaces de desenvolver un proxecto de negocio innovador. O programa chega agora ao seu fin coa entrega dos premios da edición 2013 aos tres mellores equipos. Os gañadores desta edición daranse a coñecer nun acto público este venres 31 que presidirá o reitor Juan Casares, xunto a quen tamén asistirán a concelleira da Área de Economía, Reyes Leis Rodríguez; o director da Axencia Galega de Innovación; o xerente de Igape Nova, Guillermo Viña; e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, José Luis Villaverde. A sesión celebrarase a partir das 11.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.