Entrega de premios aos gañadores do concurso escolar de leites fermentados convocado pola Aula de Produtos Lácteos da USC
Os catro estudantes do instituto de ensino secundario Leiras Pulpeiro de Lugo galardoados no concurso de elaboración de iogures e leites fermentados convocado pola Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela ao abeiro da campaña ‘A ciencia dos alimentos’, recibirán este mércores, día 5 de xuño, o premio que os acredita como gañadores deste certame no transcurso dun acto que se celebrará a partir das 10.45 horas no IES Leiras Pulpeiro. O coordinador da Aula de Produtos Lácteos da USC, Juan Méndez Dónega, e o director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, serán os encargados de entregar as ‘ tablets’ establecidas como premio deste concurso aos catro integrantes do equipo gañador (tres mozas e un mozo), que mereceu o favor do xurado do concurso logo de elaborar un iogur de mel con noces baixo o nome de ‘Danoeira’. Os agasallos repartidos no marco deste concurso escolar, que na próxima edición podería tamén estar aberto á participación de escolares de secundaria das provincias de Pontevedra e Ourense, están financiados polas empresas lácteas Feiraco e Clesa.