Entrega dos premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación
Os VI Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación entregaranse este mércores 18 nunha cerimonia que presidirá ás 12.30 horas no Salón de Graos de San Xerome o reitor da USC, Juan Viaño. Intervirán ademais a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois; e a coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Eva Aguayo.
A iniciativa responde ao II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC e contempla dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do PDI da USC. Unha primeira para accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia e outra que valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento.
Ambas as dúas modalidades refírense a experiencias desenvolvidas na USC nos últimos tres anos e para as que haberá un máximo de seis premios (tres para cada unha delas) que oscilan entre os 750 e os 300 euros.