Ir o contido principal

Entregada a Insignia Fonseca a 149 traballadores da USC

Vista xeral cos traballadores da USC aos que se lles impuxo a Insignia Fonseca
Vista xeral cos traballadores da USC aos que se lles impuxo a Insignia Fonseca

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca rexistrou un cheo absoluto para acoller este mércores o acto protocolario de imposición da Insignia Fonseca a 149 traballadores da USC, 55 integrantes do Persoal de Administración e Servizos (PAS) e 94 do Docente e Investigador (PDI). Esta distinción foille entregada a aquelas persoas que levan máis de 30 anos prestando os seus servizos na Institución Universitaria en dedicación exclusiva ou por tempo equivalente. O reitor en funcións Senén Barro presidiu este acto que contou coa presenza ademais do presidente do Consello Social, Manuel Puga e dos integrantes do equipo de goberno. “Pertencer á USC marca fondamente”, dixo María Teresa Angulo Carballale, en representación do Persoal de Administración e Servizos, nunha intervención na que puxo de manifesto como o transcurso dos anos de servizo na USC son unha ollada á súa propia evolución, “vímola segregarse, facerse investigadora e emprendedora”, en paralelo cos cambios sociais ocorridos nese tempo. Pola súa banda, Carlos Acuña Castroviejo, en representación do PDI, valorou o sentido do acto polo que de tributo aos traballadores ten. Un colectivo, o dos traballadores públicos, ao que “nada se lle ten regalado nestes anos” e para o que, no caso do profesorado universitario, “probablemente non haxa maior nivel de esixencia”. O profesor Acuña vinculou a importancia do labor docente co desenvolvemento e normal funcionamento dunha sociedade. Rematando a súa intervención, apelou á necesidade dun cambio de modelo social e económico que aposte por poñer en valor o coñecemento. Para concluír o acto, Senén Barro destacou que esta imposición da Insignia Fonseca “significa o sentir de toda a comunidade universitaria”, poñendo en valor ao mesmo tempo a dedicación dunha vida de traballo a prol dunha institución porque “a vosa entrega serve para facer unha universidade mellor”. O acto presidiuno o reitor en funcións, Senén Barro, acompañado do presidente do Consello Social e de varios vicerreitores

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.06.2010.